Skip to main content
Burela

Comeza a XXXVI Feira do Bonito e Produart

Por 5 Agosto, 2022Agosto 6th, 2022Sin comentarios

Comeza a contra atrás para a trixésimo sexta edición da Feira do Bonito de Burela, que se celebrará a primeira fin de semana de agosto. Burela estreará este 2022 o recente nomeamento da Feira do Bonito como de Interese Turístico Nacional despois de anos de arduo traballo para acadar esta distinción e dous anos de pandemia que impediron celebrar esta feira tan sinalada na localidade.

A XXXVI Feira do Bonito desenvolverase como xa é habitual a primeira fin de semana de agosto, os días 6 e 7, nos que se repartirá entre veciños e visitantes un total de 3.500 kg de bonito en distintas elaboracións. Comezará o 6 de agosto coa ruta BTT Enduro Monte Castelo – Bonito de Burela, con saída do porto ás 9.30 horas. Unha hora máis tarde, comezarán os partidos do IV Torneo de Fútbol Veteranos na Marosa, e ás 11.30 horas comezará a II Quedada de Coches Clásicos, que farán un percorrido polas rúas do pobo e rematarán cunha concentración na Praza do Concello a partir das 13.00 horas.

Nesta cita que aúna gastronomía con tradición e cultura, non pode faltar a música, polo que será a Charanga Mekánika Rolling Band a que porá a nota musical cun pasarrúas ás 12.00 horas. A recepción de autoridades e convidados realizarase ás 13.30 horas no barco museo Reina del Carmen, así como o recoñecemento do galardón Bandeira Azul.

Ás 14.00 horas comezará o pregón a cargo de Martiño Suárez Fraga, escrito e xornalista, e posteriormente farase a entrega de premios do concurso de carteis e o nomeamento de Asador Maior e Colaboradora de Honra da Feira.

A continuación será a apertura da degustación de bonito, que se manterá ao longo da tarde repartindo tapas de salpicón e as racións clásicas de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada. Haberá racións sen glute para persoas con intolerancias.

Rematará o día coas actuacións musicais a partir das 21.00 horas de A Banda da Loba, A Quinquillada e un Dj.

O domingo haberá actividades infantís desde as 12.00 horas e a partir das 13.30 horas comezará a degustación de marmitako, coa sesión vermú a cargo de Familia Caamagno.

TAPEO. A segunda edición do Tapeo Bonito comezou na hostalería de Burela o xoves 28 de xullo e ata o domingo 7 de agosto, día no que finaliza a XXXVI Feira do Bonito que se retoma despois de dous anos de parón por mor da pandemia da Covid-19.

Serán nove establecementos os participantes no II Tapeo Bonito e ofrecerán preto de 30 pratos e tapas de bonito presentadas en distintas receitas e elaboracións.

CERTAME AMARTE. Coincidindo coa Feira do Bonito, os nove finalistas recentemente seleccionados do certame de pintura Amarte, o máis internacional de todas as edicións, realizarán os seus traballos no porto desde o xoves 4 de agosto.

As persoas seleccionadas para a final de Amarte son Oniel Rodríguez López, de nacionalidade cubana e residente en Lugo; Julia Postoyalkova, nacida en rusia e de orixe francesa, aínda que actualmente vive en Barcelona; Stelvia Izaura Inhala, portuguesa nacida en Angola; Paulino Borreguero García, de Murcia; Homero Preyra e Romina Ayesteran, arxentinos residentes en Barcelona; Jorge Gordillo, de Madrid; Jorge Merino, guipuzcoano con residencia actual en Madrid; e Pedro Gonzalo, pontevedrés e único representante galego.

O domingo 7 de agosto ás 13.00 horas terá lugar a entrega de premios dos tres gañadores do certame elixidos por un xurado profesional.

PRODUART. A XXXVI Feira do Bonito tamén terá espazo para a artesanía, coa Feira de Produtos Artesanais e Ecolóxicos Produart promovida por Expomar que cumpre a súa XX edición. Os expositores comercializarán ao longo da fin de semana distintos produtos e obxectos no porto burelense, con entrada libre e de balde. Haberá actuacións dos acordeonistas de Burela, unha mesa debate por unha pesca sostible, e actividades impartidas polas monitoras de Gaia.

CARTEL. O concurso contou con dúas categorías, A, ata 14 anos, e B, maiores de 14 anos. A gañadora na categoría A foi Ximena Riopedre Orosa e o seu deseño servirá para o programa de man.

No tocante á B, A asociación A Mariña – CRPL Viveiro, foron os premiados e polo tanto o seu deseño será o encargado de anunciar as festas no cartel.