Skip to main content
Burela

O Concello de Burela comprará varios solares para ampliar servizos públicos

Por 5 Agosto, 2022Sin comentarios

Os terreos superan os 25.000 metros cadrados e servirán para crear novos servizos moi demandados como residencias, instalacións deportivas ou escolares.

O Concello de Burela informa da aprobación na sesión plenaria celebrada este xoves do expediente para iniciar os trámites de compra de solares na rúa Torques e do Instituto. O obxectivo principal desta proposta de alcaldía é a de ampliar a rede de servizos públicos na localidade adquirindo solo dotacional como primeiro paso para agrandar as posibilidades do concello.

O rexedor, Alfredo Llano, explicou que o concello mercará terreos que superan os 25.000 metros cadrados pola vía da expropiación, “o cal xa está falado previamente cos propietarios, que son coñecedores desta situación”, subliñou, de xeito que “chegaremos a un acordo satisfactorio para ambas partes, tanto para eles como para o concello”.

A motivación principal desta compra responde a unha necesidade latente de crear novos servizos públicos como residencias para persoas con diversidade funcional, facilitar a construción de instalacións deportivas ou mesmo dar resposta a determinadas peticións no eido escolar. “Queremos seguir buscando posibilidades para crear unha rede forte no sector público que dea cobertura a moitas das demandas que nos fan chegar e que son necesarias para o progreso de Burela”, definiu o alcalde.

Ademais, o pleno deu luz verde ao calendario de festivos para a anualidade 2023, sendo días non laborais no municipio o martes de entroido e o luns das festas patronais.

Por outra banda, tamén saíu adiante unha proposta de alcaldía demandada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, urxindo cunha serie de peticións concretas a solucionar por parte da administración autonómica as eivas en materia sanitaria que están a sufrir tantos os veciños e veciñas da localidade e comarca, como os profesionais sanitarios cunha excesiva carga de traballo. Deste xeito, solicitarase entre outras cousas que se garanta a cobertura das necesidades existentes nos servizos que se foron desmantelando nos últimos anos e que se contraten profesionais suficientes para atender aos pacientes, acurtando os dilatados prazos de agarda.