Skip to main content
Burela

O BNG exíxelle ao Sergas o servizo de fisioterapia para o centro de saúde de Burela

Por 5 Agosto, 2022Agosto 23rd, 2022Sin comentarios

Este xoves no Pleno do Concello de Burela o PP presentaba mocións nas que pedía que o Concello de Burela asumise competencias exclusivas da Xunta de Galicia como son Educación e Sanidade.

Para o voceiro do BNG, Mario Pillado, “estas mocións responden a un interese totalmente electoral e teñen como obxectivo descargar gasto que lle corresponde á Xunta nas arcas municipais”.

“Parécenos moi grave a moción na que se pide un servizo municipal de fisioterapia a domicilio. O centro de saúde de Burela é o único da comarca que non conta con servizo de fisioterapia. O Sergas ten que dotar o noso centro de saúde do servizo de fisioterapia como fixo en Mondoñedo, onde investiu 130.000 euros, e logo, se é posible artellar o mesmo servizo a domicilio” continuou Pillado.

Ademais o voceiro nacionalista indicou que “foi tamén lamentable a intervención do voceiro do Partido Popular, Manuel Rouco, con respecto a moción da plataforma sanitaria sobre saúde mental e drogodependencias, chegando a faltar ó respecto de profesionais que viñeron simplemente a explicar a situación no seu ámbito e pedir solucións, sen facer ningunha alusión política, e negándose a retirar as súas verbas como nós lle pedimos.”

O voceiro do bloque, Mario Pillado finalizou dicindo que “con este tipo de iniciativas o PP demostra a súa total incompetencia e inutilidade á fronte da Xunta. Deben poñerse a traballar, a xestionar e a gobernar porque é a súa obriga. Con esta actitude mostran que non están pra gobernar e a veciñanza vainos colocar no seu sitio. Son oposición en Burela e na Mariña e vano ser en Galiza Esta iniciativa do servizo de fisioterapia é unha falta de respecto á veciñanza de Burela e dende logo non van contar con nós para ese fin”