Skip to main content
Burela

Burela presume dos produtos do mar na última xornada da Feira do Bonito

Por 7 Agosto, 2022Sin comentarios

Comezou a XXXVI Feira do Bonito coa recepción por parte do alcalde de Burela, Alfredo Llano, e concelleiros de goberno, do rexedor de Tarifa, Francisco Ruíz Giráldez, que se desprazou á localidade acompañado da edil de Turismo, Lucía Trujillo.

Visitaron as distintas zonas habilitadas para a feira, facendo unha parada no Barco Museo Reina del Carmen, onde puxeron en común a importancia do sector pesqueiro e as xentes do mar no desenvolvemento de ámbolos dous municipios, unha vinculación norte-sur que pretenderá extenderse a outros proxectos no futuro.

Será hoxe cando a veciñanza e os visitantes se acheguen a probar o bonito en diferentes elaboracións, incluíndo as tradicionais como o bonito á grella, en empanada, cocido ou asado, e outras máis recentes como o marmitako, unha receita que, nos últimos anos, foi moi demandada polas persoas que se achegaron á feira. 

PRODUART

Dentro da programación da XX Feira Produart, este sábado celebrouse a conferencia sobre A pesca ante a eólica mariña, problemática sobre a que debatiron Torcuato Teixeira, portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, e Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Cofradías. A xornada comezou coa presentación de Alfredo Llano, presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, que moderou o debate e deu paso aos dos participantes.

O patrón maior da confraría de pescadores de Burela, Basilio Otero, asegurou que, se ben o sector pesqueiro aposta polas enerxías renovables, esta loita contra a implantación da industria eólica mariña nos caladeros de pesca é pola defensa dun modo de vida e traballo e sobre todo a preocupación polo futuro do sector e das familias que viven do mar.

Pola súa parte, Torcuato Teixeira explicou o contido do Manifesto Burela desde a Plataforma Manifiesto de Burela en defensa do sector pesqueiro do Cantábrico-noroeste, que está integrado por diversos colectivos do sector pesqueiro español e que alerta do grave impacto que terían nos caladeiros a instalación dos “polígonos eólicos” planeada polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, que acabará con centos de postos de traballo de pescadores e afectará aos caladeiros pesqueiros.

A feira Produart, ubicada na nave de redes do porto de Burela e con entrada gratuíta, promociona os produtos locais, artesanais e tradicionais, e tamén aqueles produtos anovadores que difunden e recuperan a cultura ecolóxica, cunha clara intención de estimular e fomentar iniciativas, recursos e produtos que se atopen no marco da economía sustentable.

A clausura da feira terá lugar este domingo ás 13.00 horasa cargo de Alfredo Llano, presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, e Mayra García, alcaldesa de Trabada que, en representación da Deputación Provincial de Lugo, poñerá o peche oficial a esta vixésima edición da cita.

De todas formas a feira permanecerá aberta ata a noite do domingo, acollendo a 44 expositores de diversa orixe, desde artesanía tradicional e produtos naturais-ecolóxicos, alimentación (tanto perecedeira como elaborados e conservas), artesanía, natureza e medio ambiente.