Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

O premio de 500 euros en peixe da Feira Produart foi para Valladolid

Por 20 Agosto, 2022Sin comentarios

Unha veciña de Valladolid resultou a gañadora do sorteo da Feira Produart en Burela dunha cesta de peixe doada por Absa e valorada en máis de 500 euros.

Durante a recente edición da Feira Produart vendíanse rifas para participar no sorteo dun lote de peixe valorado en máis de 500 euros e doado por Armadores de Burela. Ana Isabel Carretero foi a persoa agraciada co premio por ter a papeleta co número 0401, que foron as últimas catro cifras do sorteo da Once do domingo 7 de agosto.

“Mercamos unha vivenda en Burela hai un ano e por iso pasamos longas temporadas alí. Estamos encantados da hospitalidade da xente, da gastronomía e sobre todo do clima. A primeira fin de semana de agosto visitamos a feira Produart e mercamos rifas para o sorteo…”, comenta Ana Isabel desde o seu domicilio de Valladolid, onde xa recibiu o lote de peixe do premio.

“Desde a Fundación Expomar felicitamos a Ana Isabel e agardamos que siga gozando do noso pobo durante moito tempo”, indica o presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, que recibiu na lonxa de Burela o lote de peixe do premio de Vicente Quiroga en representación de Armadores de Burela.

Produart seguirá promocionando cada ano os produtos locais, artesanais e tradicionais, e tamén aqueles produtos anovadores que difundan e recuperen a cultura ecolóxica, cunha clara intención de estimular e fomentar iniciativas, recursos e produtos que se atopen no marco da economía sustentable.