Skip to main content
Burela

Seguen as actividades da Ocioteca de Burela con reciclaxe a xogos ao aire libre

Por 23 Agosto, 2022Sin comentarios

As nenas e nenos da Ocioteca de Verán xa realizaron o último obradoiro do programa de actividades vencelladas á Bandeira Azul para concienciar sobre o respecto ao medio ambiente, aprendendo a separar os residuos das súas propias merendas nos distintos colectores para a súa posterior reciclaxe.

As monitoras de Gaia aproveitaron a merenda que adoitan facer a media mañá para aplicar novos coñecementos sobre a práctica, de xeito que acumularon todos os residuos que quedaron despois de comer e foron depositando cada un deles no contedor de lixo correspondente a cada material.

Principalmente, desbotaron envases de plástico como os dos iogures, bolsiñas onde veñen as galletas ou madalenas, así como restos orgánicos como as mondas da froita, e en menor cantidade, algún envase de cartón. 

A medida que os pequenos ían tirando as cousas nos colectores, as monitoras explicaban a importancia de seleccionar e separar os residuos para que se podan facer cousas novas co mesmo material, que se recicla para evitar empregar novas materias primas e, deste xeito, darlles unha segunda vida ás usadas. Así, conséguese non contaminar tanto o medio ambiente e aforrar auga e enerxía.

Obradoiros sobre a importancia de manter as praias limpas e non tirar cabichas, repartindo cinceiros ecolóxicos, actividades sobre o coñecemento das plantas do litoral burelés coa creación de cadernos de campo, iniciativas  artísticas con materiais naturais como os mosaicos realizados con cunchas, pedras e paos, campañas informativas sobre o Punto Limpo, e esta última actividade sobre a reciclaxe e o coidado do medio completan o programa de actividades ao abeiro da Bandeira Azul que a delegación de Medio ambiente do Concello de Burela, a través de Gaia e a Ocioteca de Verán, promoveu este ano para previr a contaminación e o cambio climático e implementar medidas que contribúan ao coidado e respecto da natureza.

XOGUETEANDO, UN LECER DIFERENTE

As monitoras da Aula Gaia tamén explicaron que esta iniciativa consistiu en facer conscientes aos máis pequenos e pequenas da importancia da seguridade nos xoguetes a través dun conto e da realización dunha manualidade.

Na primeira parte, a historia narrada axudoulles a comprender a importancia do xogo ao aire libre, que se potencia nos períodos de vacacións polo verán. No inverno, as nenas e nenos van ao colexio, xogan nas súas casas e predomina o xogo tecnolóxico a través das pantallas, mentres que no verán, como moitos pais e nais traballan, é habitual que os pequenos das familias vaian a entornos rurais cos avós, onde é máis frecuente o xogo ao aire libre, como a pelota, a comba, bolos, ou calquera outro sen necesidade de tecnoloxía. 

Na actividade incidiron tamén na importancia de que os xogos foran seguros, e aprenderon aos nenos e nenas a simboloxía que marca a seguridade dos mesmos, así como a idade axeitada para empregalos.

Finalmente, realizaron unha manualidade para crear unha bolboreta composta de cartolina e unha pinza, promovendo a creatividade para enriquecer o xogo, a capacidade de traballar en equipo e as habilidades psicomotrices.