Skip to main content
Foz

Adxudicada a redacción do proxecto e construción da nova EDAR de Foz

Por 6 Agosto, 2022Agosto 7th, 2022Sin comentarios

Publicouse na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a resolución da adxudicación do contrato de redacción do proxecto e construción da nova EDAR de Foz por 11,94 millóns de euros (2,3 % de baixa) á Unión Temporal de Empresas conformada por Espina y Delfín SL e Construcciones y Canalizaciones José Saa SL. A obra é financiada nun 80 por cento pola Unión Europea, a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, e o 20% restante polo ente público autonómico Augas de Galicia. O Concello de Foz é o responsable da posta a disposición dos terreos necesarios para a obra, para o cal xa fixo todos os trámites plenarios necesarios e a Xunta de Galicia debe declarar agora o carácter urxente da expropiación. 

A oferta marca un prazo para a redacción do proxecto construtivo, a execución da obra e a posta en servizo da nova depuradora de 33 meses desde a formalización do contrato.  Segundo os informes publicados, o adxudicatario plantexou un bombeo directo desde o tanque de treboadas ata a nova EDAR, mantendo o bombeo previsto na Avenida de Viveiro unicamente para o caudal recollido en Llas 2.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que “o prazo de execución de 33 meses inclúe 3 meses para a redacción do proxecto construtivo, 18 meses de obra e 12 meses para a posta en marcha da nova EDAR. Parécenos un prazo realmente curto, especialmente no tocante á redacción do proxecto, que é complexo. Entramos agora en fase de redacción do proxecto construtivo: despois de varias reunións con Augas de Galicia agardamos formar parte da supervisión do proxecto que se redacte, xa que vamos ser os mantedores da infraestrutura. Queremos o mellor proxecto posible: despois de máis de 5 anos de atraso no convenio asinado non nos importa agardar dous meses máis, o que nos preocupa é que a infraestrutura funcione e resolva o grave problema de depuración que temos no noso concello”.

O rexedor municipal continúa: “imos colaborar todo o posible con Augas de Galicia para conseguir entre todos a nova depuradora canto antes, pero esixindo un proxecto cunha boa solución técnica: se comeza a construción a inicios do vindeiro ano será unha boa nova. Hai que agradecer ás administracións que financian a obra, Unión Europea e Xunta de Galicia, o esforzo económico para conseguir unha Ría de Foz limpa e saneada”.