Skip to main content
Foz

Comezou a Feira do Libro de Foz, instalada na praza Conde Fontao

Por 19 Agosto, 2022Sin comentarios

Comezou a Feira do Libro de Foz, instalada na Praza Conde Fontao ata o vindeiro domingo, que conta cunha trintena de actividades e 40 autores.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, asistiu este tarde ás inauguración da Feira do Libro de Foz, instalada na Praza Conde Fontao ata o vindeiro domingo.

A cita focense conta coa presenza de cinco librarías (Aguirre, Pedreira, Aenea, Cortizas e Bahía) e cun completo calendario composto por unha trintena de actividades para todos os públicos, desde presentacións de libros ata coloquios, recitais ou contacontos. Polas casetas pasarán, ao longo das catro xornadas, arredor de 40 autores, que tamén asinarán exemplares aos lectores que se acheguen á feira. Ademais, como xa é habitual, as persoas asistentes á feira poderán gozar dun 10% de desconto en todas as súas compras. 

No acto de inauguración, no que interviu como pregoeira a escritora burelà Antía Yáñez, Maite Ferreiro manifestou “o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a estes formatos de feira ao aire libre, que dinamizan as vendas das librerías e crean un ambiente propicio para o achegamento á lectura por parte de todos os públicos, con presentacións, sinaturas de libros e actividades de promoción da lectura” e, tomando como referencia a figura do recentemente falecido Suso Fernández, da Librería Bahía de Foz, recoñeceu “a achega de libreiros e libreiras á vida cultural das nosas vilas”.

A Deputación mantén unha colaboración anual Federación de Librerías de Galicia para apoiar as feiras que se celebran na xeografía da provincia ao longo do ano. Ademais, toma parte nelas coa presenza dun posto Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, que canaliza as distintas iniciativas relacionadas co libro que desenvolve a área de Cultura, a través da edición ou da colaboración con firmas editoriais, cinguíndose neste eido a publicacións, estudos e ensaios sobre a historia, a etnografía, a arte, a arqueoloxía ou o patrimonio das distintas comarcas da provincia. Estas publicacións, que poden ollarse no posto institucional, poden adquirirse logo nas casetas das librarías instaladas na feira.

Ademais, o programa da feira inclúe a presentación de dúas das últimas publicacións participadas pola Vicepresidencia da Deputación: Ciencia e conciencia. Historia social de Fernando Villapol e O segredo dos trasnos de Xosé Manuel Espiño.