Skip to main content
Ribadeo

Licitado o novo carril bici de Ribadeo dende a praia de Rocas e a Illa Pancha

Por 11 Agosto, 2022Sin comentarios

O Concello saca de novo a licitación o proxecto de arranxo do firme da estrada que vai ao Faro e a construción dun carril bici, despois de ter que rescindirlle o contrato á empresa adxudicataria polos diversos incumprimentos nos que incorreu. O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que ademais acometeranse traballos de rebacheo nese viario co fin de garantir a seguridade pública. 

O rexedor dixo “redactamos un ambicioso proxecto que contempla unha ruta circular empezando na praia dos Bloques, continuando polo paseo marítimo, empatando coa estrada ao Faro e seguindo polas pistas de Campoxurado ata o encontro co vieiro provincial de Vilaselán. Un proxecto que saíu a licitación a finais do ano pasado e que conta cun importantísimo financiamento da Deputación de Lugo, posto que financia o 78% dos 320.000 euro do proxecto. E o Concello, por suposto, financiaba os 70.000 euros restantes”.

O alcalde ribadense explicou que “o caso foi que o proxecto licitouse e adxudicouse a principios desde ano 2022, pero axiña fomos vendo, a través de numerosos informes técnicos, que a empresa adxudicataria non cumpría cos compromisos de prazos e de correcta execución proxectada. De aí que tivemos que iniciar un complexo proceso de rescisión do contrato, ao tempo que a redacción dun novo proxecto que excluíse as partidas xa feitas e que incorporase os novos prezos dos materiais que tanto subiron nos últimos tempos”.

Fernando Suárez contou que “a día de hoxe estamos na fase final do proceso de rescisión e ao mesmo tempo cun novo proceso de licitación para executar todo este proxecto antes de final de ano, pois se non perderiamos a axuda da Deputación e iso sería un drama, aparte de non ver conseguido un paseo marítimo moderno, agradable e funcional como este proxecto plantexa”.

O rexedor anunciou que “con todo, e dada a situación de degradación do firme, especialmente da estrada ao Faro, mañá mesmo faranse unha serie de rebacheos para garantir a seguridade pública. O custo desta actuación de emerxencia será imputado ao contratista logo de desatender os requirimentos que a dirección de obra lle foi facendo formalmente”.