Skip to main content
Viveiro

Comezan as obras de mellora do sistema de saneamento de Celeiro

Por 5 Agosto, 2022Sin comentarios

Comezaron as obras de mellora do sistema de saneamento de Celeiro, en Viveiro, que suporán un investimento autonómico de máis de 3,8 M€.

Unha vez realizados os traballos previos de instalación de casetas, agora estase a avanzar no acopio da tubaxe para a nova condución de vertido, así como dos lastres, que se están a fabricar in situ.

A intervención prevé a construción dun novo bombeo e un depósito de retención, que levarán directamente as augas residuais de Celeiro cara ao novo pretratamento da depuradora de Viveiro.

Os traballos, cun prazo de 12 meses, inclúen, ademais, a mellora da condución de vertido submarino da depuradora municipal, ampliada para asumir o incremento de demanda procedente deste núcleo.

A execución comezará, primeiro, por ir soldando en terra tramos de tubaxe duns 250 metros que despois se remolcarán ata a zona de fondeo para colocalos na posición proxectada. Despois afundirase a tubaxe e unirase tramo a tramo no fondo mariño.

Máis en detalle, executarase un bombeo cun tanque de tormentas de 650 m3 de volume útil que substituirá o actual bombeo de pretratamento de Celeiro, e desde o que se impulsará a auga ata o novo pretratamento de Viveiro. Permitirá a laminación, tanto nas puntas durante o día, como nos caudais en tempo de choiva.

Así mesmo, construirase unha nova condución de sumidoiro submarino que se conectará ao actual tramo terrestre e que funcionará por gravidade a través dunha cámara de carga situada a continuación da desinfección da depuradora.

Esta nova intervención de saneamento de Celeiro súmase ás obras de ampliación da depuradora municipal, que está a ser ampliada pola Xunta para asumir o incremento de demanda procedente deste núcleo.

Deste xeito, ambas actuacións completarán o saneamento da ría de Viveiro, que supoñen un investimento conxunto da Xunta de preto de 8 millóns de euros.

Estas actuacións son cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.