Skip to main content
Viveiro

Bo comezo da Feira do Libro de Viveiro

Por 13 Agosto, 2022Agosto 14th, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro celebra ata o luns 15 nos Xardíns Noriega Varela a Feira do Libro 2022 Movémonos cos Libros, cunha ampla oferta cultural e encontros con diferentes escritores e escritoras.

É unha satisfacción como alcaldesa que Viveiro sexa esta ponte de agosto a capital galega das letras e quero en primeiro lugar agradecer o traballo e o esforzo da Federación de Librarías de Galicia”, asegurou na inauguración María Loureiro.

“Grazas tamén á nosa querida pregoeira, Mari Carmen Lage, antiga libreira da Librería Porta da Vila, á pregoeira infantil, Icía Pérez Giz, e por suposto grazas aos libreiros e libreiras, profesionais dun sector fundamental na nosa sociedade”, apuntou.

Dentro da ampla programación destes catro días, o concello quixo darlle protagonismo aos autores e autoras locais e galegos, ademais de potenciar a promoción da lectura entre os nenos e nenas.

Por iso, dentro da ampla programación da feira, esta tarde haberá a presentación de ‘Mar gremial das rías de Viveiro e do Barqueiro’, de Vicente Míguez, do Seminario de Estudos Terra de Viveiro. 

“Coa celebración desta feira abrimos de novo unha fiestra, a da promoción da lectura e o libro, que para o Concello de Viveiro é unha prioridade de goberno; durante estes días, asistiremos ao encontro entre os 40 escritores e escritoras que participarán na feira e os seus lectores, un momento sempre máxico para compartir as experiencias vividas arredor dunha obra literaria”, engadiu a alcaldesa.

BONO CULTURAL

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, animou á mocidade da Mariña a disfrutar da cultura aproveitando o Bono Cultural Xove que pon a súa disposición o Goberno, que investirá 936.400 euros na provincia nunha iniciativa destinada a apoiar a industria cultural. A subdelegada, que participou hoxe, xunto coa alcaldesa María Loureiro, na inauguración da XXV Feira do Libro de Viveiro manifestou que a Feira do Libro é unha boa oportunidade para comprar libros e facer uso do Bono Cultural, unha axuda implantada polo Goberno para favorecer a industria cultural da que se poden beneficiar na provincia 2.341 mozos e mozas. Isabel Rodríguez destacou que esta axuda tamén servirá para dinamizar o comercio de proximidade nos concellos e, ademais, contribuirá a algo tan importante como é xerar hábitos de consumo de produtos culturas entre a mocidade

Rodríguez informou de que o Ministerio de Cultura facilita un bono de 400 euros para investir en cultura a todos os mozos e mozas que cumpren os 18 anos en 2022. Na provincia de Lugo os beneficiarios potenciais son 1.180 mozas e 1.161 mozos, aos que pediu que aproveiten a oportunidade que lles brinda o Goberno para acceder a produtos culturais do seu interese.

O prazo para a solicitude do Bono Cultural Xove está aberto desde o 25 de xullo e as solicitudes fanse a través de unha web e unha app. Unha vez concedida a axuda, recíbese unha tarxeta prepago vitual para usar a través do móbil que se pode empregar en todas as empresas culturais adheridas ao programa. Todas as entidades interesadas en vender os seus produtos e servizos aos portadores desta tarxeta poden tramitar a súa adhesión ao programa a través da páxina web do Bono Cultural.