Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro aclara que está previsto o saneamento nas casas das Aceas

Por 26 Agosto, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, aclara que as obras relativas á rede de sumidoiros de As Aceas xa están previstas e dotadas de orzamento, malia que o Partido Popular pretenda esixir que se proxecten os traballos.    

O goberno local vese na obriga de aclarar esta circunstancia ante o anuncio do Partido Popular de presentar unha moción no próximo pleno para esixir medidas “para prolongar a rede de sumidoiros ata As Aceas co fin de que, os propietarios das casas, poidan tramitar a conexión coa rede de saneamento”. 

O Concello de Viveiro explica que no pleno municipal deste mes de agosto aprobáronse unha serie de modificacións de crédito, entre as que se inclúe unha partida de 34.004 euros destinada a esta actuación. “Non sabemos se os representantes do Partido Popular non len a documentación dos plenos ou se intencionadamente pretenden enganar á veciñanza”, engaden dende o goberno local. 

Neste sentido, o goberno local explica que as acusacións do partido da oposición son totalmente incertas e inxustificadas, dado que a obra referida xa está prevista e dotada de orzamento. Neste sentido, a alcaldesa de Viveiro pídelle ao voceiro do Partido Popular “que traballe en positivo e que non engane aos veciños”. 

Ademais, contrariamente ao que suxire o Partido Popular, os escritos enviados polo Concello de Viveiro foron remitidos en 2019 e non na actualidade. Alén diso, o goberno local xa mantivo no seu momento unha reunión cos propietarios das vivendas comprometéndose a realizar estas actuacións de saneamento.

Nesta liña, dende o goberno local aclaran que para que as vivendas da zona poidan realizar o vertido á rede de saneamento pública é necesario executar, ademais da extensión da rede municipal, a construción dun bombeo de residuais que impulse os caudais ata o colector xeral, tendo en conta a localización dos inmobles con respecto á rede xeral.

Doutra banda, respecto aos escritos enviados, o Concello de Viveiro aclara que en ningún momento pretendeu atribuír aos propietarios ningunha responsabilidade, máis que a contemplada no Regulamento marco de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia. Dito regulamento indica que, cando non exista rede de saneamento, as vivendas deberán estar dotadas dunha sistema de depuración individualizado. 

Non obstante, o Concello de Viveiro asumiu o compromiso de executar estas obras, dadas as dificultades existentes, xa que que outra das opcións era prolongar o saneamento ata esa zona e instalar un bombeo, tal e como se aclarou na reunión mantida cos veciños. 

“É evidente que a moción anunciada polo PP resulta innecesaria e totalmente fóra de lugar, respondendo unicamente ao modus operandi habitual do seu voceiro, que consiste en enganar, buscando problemas onde non existen”, engaden dende o goberno local.