Skip to main content
Viveiro

O Campamento Urbano de Verán de Viveiro chegou ao seu fin

Por 27 Agosto, 2022Sin comentarios

O Campamento Urbano de Verán de Viveiro chegou ao seu fin e por iso a alcaldesa, María Loureiro García, visitouno con motivo da súa finalización. O campamento municipal de verán desenvolveuse nos meses de xullo e agosto no pavillón do CEP Lois Tobío. Durante a xornada de hoxe os nenos e nenas puideron desfrutar dun día de festa con inchables e, ao finalizar, fíxoselles entrega dun diploma de participación.

“O Campamento Urbano de verán é un servizo gratuíto que ofrecemos dende o Concello de Viveiro para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, unha prioridade para o noso goberno”, sinala a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. 

A iniciativa diríxese a nenos e nenas nados entre os anos 2010 e 2018, ofrecendo unha ampla oferta de actividades adaptadas as distintas idades dos participantes.

“Cabe recordar que este ano incrementamos as prazas ofertadas, con 100 vacantes en cada quincena”, engade a rexedora. Tamén se ofreceu nesta edición a posibilidade de participar no campamento durante os dous meses de duración, dando máis flexibilidade ás familias, que puideron facer uso do servizo por quincenas, por meses ou durante o período completo.

Ao longo destes dous meses, os nenos e nenas participantes tiveron a oportunidade de desfrutar das actividades de carácter lúdico programadas, como manualidades, obradoiros de refugallo, xogo cooperativo, actividades deportivas, entre outras propostas.