Skip to main content
Axenda CaducadaMonterroso

Chega o 36 Festival Internacional de Danza de Monterroso

Por 10 Agosto, 2022Agosto 17th, 2022Sin comentarios

Monterroso acolle o 36 Festival Internacional de Danza os días 16 e 17 de agosto. Esta edición do festival que contará con dúas xornadas, comezará o martes 16 con obradoiros de danzas do mundo a partir das 19.00 na Praza do Froito. Logo, ás 22.30 actuará Malditos Roedores.

O día grande será o mércores, 17 de agosto, a partir das 21.45  que actuará a Compañía de Expresións culturais Costarricenses, de Costa Rica, o Ballet de Alboury Dabo, do Senegal, e a asociación cultural Falcatrueiros, de Monterroso.

O festival está organizado pola asociación cultural Falcatruieiros e a Deputación de Lugo colabora no financiamento cunha achega de 3.000 euros para a celebración desta cita. A deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, presentou xunto á presidenta do colectivo, Tatiana Rodríguez De Azevedo, as novidades desta 36 edición do certame no Pazo de San Marcos.

Logo de dous anos cun festival cun perfil nacional por mor da pandemia, “esta cita volve con forza a coller a súa dimensión internacional coa chegada á provincia de agrupacións de Costa Rica e O Senegal, ademais de contar coa presenza dos organizadores: a agrupación local Falcatrueiros”, explicou a Deputada. Ademais, felicitou á organización por este “Festival Internacional de Danza nunha unha cita de referencia no calendario musical da provincia de Lugo, que se converte nun punto de encontro de distintas culturas grazas ás magníficas actuacións cheas de luz e cor que poderemos ver na Praza Conselleiro Fernando Salgado”.

González Abelleira destacou que se trata dunha colaboración “dentro da nosa clara liña de apoio aos concellos e ao tecido asociativo para dinamizar a vida social e económica da provincia”. Así mesmo, destacou que “apostamos por un turismo de calidade e sostible, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que pon en valor o noso patrimonio e que crea riqueza e emprego, sobre todo no noso rural”.