Skip to main content
Lugo

O Caudal Fest acolle o último concerto de Izal en Galicia

Por 25 Agosto, 2022Xuño 21st, 2023Sin comentarios

O Caudal Fest suma un novo grupo ao seu cartel deste ano, Izal, que se atopa na súa xira de despedida como banda, Hogar, e que elixiu o parque do Miño lucense para decirlle adeus aos seus fans de Galicia.

A exitosa banda española pecha, deste xeito, o cartel do festival, xa consolidado como a terceira cita de referencia na cidade, xunto co San Froilán e o Arde Lucus, e un dos eventos máis agardados no panorama musical galego e español.

En efecto, o 40% dos asistentes proceden de fóra de Galicia. Só na primeira edición, no 2018, a cita atraeu á cidade a unhas 22.000 persoas, e este ano o Caudal aspira a bater o seu récord de asistentes. Un dos grandes atractivos do festival tamén é que se organiza na contorna do Miño, unha zona de gran valor natural e paisaxístico que o executivo municipal está a potenciar a través de diferentes actuacións enmarcadas na estratexia DUSI Muramiñae, co obxectivo de achegar a trama urbana da cidade ao río.

A edición deste ano é unha das máis agardadas, pois o festival recupera o seu formato tralas restriccións pola pandemia, e faino co cartel máis ambicioso que tivo ata o momento, con máis de 20 artistas e grupos, entre os que destacan nomes como Robe Iniesta, Estopa, ou Morad, que arrasa con millóns de escoitas en todas as plataformas dixitais, sendo un dos grandes atractivos para o público máis novo.

A estes cabezas de cartel engádese agora a banda madrileña Izal, que se despide dos escenarios nesta última xira, tras máis de 12 anos de actividade. Formados en 2010, foron ao longo deste período protagonistas destacados da nova xeración da escena independente nacional, vendendo centos de miles de discos e centos de miles de entradas ao longo das súas extensas xiras por ambos lados do Atlántico. O grupo elixiu o Caudal Fest para despedirse do seu público en Galicia, tras anunciar un parón indefinido.

Mañá, venres, a organización do Caudal anunciará a distribución dos artistas para o venres, 16 de setembro, e o sábado, 17, e o vindeiro luns, 29 de agosto, ás 12:00 horas, poñeranse á venda as entradas para cada xornada do festival.