Skip to main content
Lugo

O Goberno local cuestiona o labor de protección do Miño que a Xunta exerce en Lugo

Por 15 Agosto, 2022Agosto 16th, 2022Sin comentarios

O tenente de alcaldesa e voceiro do Goberno local, Miguel Fernández, calificou de “lamentable, intolerable e inadmisible” o comportamento obstrucionista que a Xunta de Galicia está a amosar en Lugo en canto á materialización de proxectos que gardan relación coa mellora do río e da súa accesibilidade.

“Costa caro entender as continuas contradicións nas que recae a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que primeiro amosa a súa conformidade coas intervencións – en alusión ao arranxo do caneiro da Acea de Olga pero tamén á instalación da zona da baño pública – e logo as obstaculiza a pesar do soporte técnico que as avala. E pouco comprensible resulta igualmente o tipo de labor que está a exercer, como lle correspondería no que ten que ver coa protección do Miño e da flora e a fauna que contén, cando impide que se leve a cabo unha obra tan importante como a reparación desta presa, nun tramo do leito fluvial afectado, ademáis, gravemente este verán, pola seca que padecemos”, afirmou o portavoz municipal.

O tamén concelleiro de Medio Ambiente incidiu en que “a Xunta queda sen argumentos que xustifiquen tal actuación” e pediulle reflexión ante as consecuencias que está a ocasionar e que se traducen “nun grave prexuízo natural pero, así mesmo, de tipo social, xa que condicionan o aproveitamento do río e a súa utilización pública e deportiva”.

“É neglixente e irresponsable pero tamén resulta vergoñento asistir á enésima demostración de que as e os lucenses só somos para a Xunta de Galicia simples reféns dos seus obxectivos partidistas”, sostivo Miguel Fernández.