Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Aprobada a resolución das bolsas para pilotos de rally da Deputación

Por 27 Agosto, 2022Sin comentarios

Na vindeira semana sairá publicada no Boletín Oficial da Provincia e na web da Deputación a resolución de concesión das bolsas para pilotos de rally que convoca a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. As achegas están dirixidas a deportistas federados nalgunha das federacións oficiais de automobilismo, de calquera categoría, nas modalidades de rally de asfalto, terra e montaña e vehículos históricos, e con residencia na provincia.

Nesta anualidade 2022 recibíronse un total 41 solicitudes, das que puideron ser atendidas 37. Quedando desestimadas, neste primeiro tramite, soamente 4, por non presentar toda a documentación ou incumprir algunha das bases da convocatoria.

As bolsas concedidas oscilan entre os 397 e os 2.500 euros, dacordo cos resultados acadados polas persoas solicitantes nas probas disputadas nos campionatos galegos, estatais e internacionais, do posto acadado na clasificación xeral do Campionato Galego e da participación nas probas do Campionato Galego que se disputan na provincia de Lugo – Rally da Mariña, Rally San Froilán, Subida a Chantada e Subida á Pontenova. Segundo se recollía nas bases publicadas no seu día.

O deputado de Deportes Efrén Castro sinalou que esta liña de axudas pretende “apoiar unha modalidade deportiva moi esixente economicamente, sobre todo para as persoas que se inician nela e que teñen máis dificultades para optar a patrocinadores privados” e lembrou que “a de Lugo é a única entidade provincial cunha convocatoria específica para deportistas de rally, froito da grande afección coa que conta este deporte nas diferentes comarcas”.

Esta liña de axudas inscríbese nas accións que se desenvolven desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para a promoción do automobilismo, entre elas, o apoio económico ás probas do circuíto galego que se celebran na provincia e o Volante Deputación, un evento que se celebra cada ano no circuíto da Pastoriza e que promove a formación e dá oportunidades de incorporarse á competición a novos talentos.