Skip to main content
Lugo

Lugo contará cun novo obradoiro de emprego

Por 1 Agosto, 2022Sin comentarios

O Goberno de Lara Méndez porá en marcha un novo obradoiro de emprego, denominado LugoSostible 5.0, que xerará oportunidades laborais para 20 desempregados lucenses. Así o avanzou a rexedora, quen subliñou que “esta nova acción formativa estará orientada á creación de aplicacións e contidos enfocados na posta en valor do patrimonio histórico da cidade de Lugo, así como do patrimonio cultural e natural do municipio”.

Lara Méndez explicou que “con esta iniciativa buscamos mellorar a ocupabilidade de persoas desempregadas, a través da cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral”. Neste senso, a alcaldesa destacou que as áreas nas que se centrará, principalmente as TICs e a xestión do marketing e a comunicación, “constitúen un importante nicho de mercado e contan cunha importante demanda de profesionais, polo que o obxectivo final é xerar novos postos de traballo na cidade”.

O obradoiro, que previsiblemente dará comezo a mediados de setembro, terá unha duración dun ano e os participantes estarán retribuídos co salario mínimo interprofesional (1.000 euros ao mes). Estará organizado pola área de Desenvolvemento Local e os contidos serán impartidos de forma presencial no CEI Nodus.

Contará con tres especialidades formativas: Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web, para a que se ofertarán 7 prazas; Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos, que contará con 7 prazas; e Xestión de marketing e relacións públicas, para a que haberá dispoñibles 6 prazas. As accións propostas contemplan a obtención do certificado de profesionalidade de nivel 3.

Para a admisión dos candidatos, propostos polo SEPE, haberá un proceso selectivo. A titulación mínima de acceso esixida será o Bacharelato ou Certificado de Profesionalidade de nivel 2 da mesma familia/área profesional. Ou ben, ter superadas as probas de acceso a Grao Superior de FP ou de acceso á universidade para maiores de 25 e/o 45 anos.

“Este obradoiro vén a dar, así mesmo, continuidade ao Start IoT 5.0, que acaba de rematar, e no que participaron un total de 16 mozos e mozas con idades de 16 a 29 anos, aos que ofrecemos a oportunidade de formarse en dous módulos –de informática e comunicacións e de produción adiovisual–, ao tempo que adquiriron experiencia profesional mediante a elaboración dos contidos que estarán dispoñibles nos dispositivos dixitais instalados no casco histórico”, lembrou a rexedora.

Creación dunha Oficina de Información Sostible e promoción do patrimonio

Co obxectivo de ofrecer á cidadanía un punto de consulta sobre actuacións de carácter medioambiental e información sobre proxectos e actuacións sostibles que se están a desenvolver no municipio, a especialidade de Marketing e Relacións Públicas contempla o deseño, planificación e desenvolvemento dunha Oficina de Información Sostible, que estará ubicada no edificio Impulso Verde.

Ademais, o novo obradoiro tamén contempla o desenvolvemento dunha aplicación web que permita, desde a lectura de códigos QR con dispositivos móbiles, así como desde outros dispositivos a través de URL, a consulta de información sobre os recursos patrimoniais do municipio; o deseño de contidos audiovisuais e multimedia interactivos co obxectivo de promomover os recursos históricos, culturais e naturais da cidade; así como o deseño, planificación e desenvolvemento dunha estratexia de marketing e comunicación enfocada na difusión da cultura e do patrimonio lucense.