Skip to main content
Lugo

A CHMS abre o trámite de vista e audiencia do expediente da praia fluvial de Lugo

Por 4 Agosto, 2022Sin comentarios

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, abre o trámite de vista e audiencia ao expediente da zona de baño no Miño ao seu paso pola cidade de Lugo, unha vez recibido o informe preceptivo e vinculante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia que é desfavorable á nova localización proposta polo promotor do expediente, Concello de Lugo.

No seu informe a Administración Autonómica indica que o novo emprazamento da zona de baño non é autorizable porque causaría danos á colonia e o hábitat de dúas especies protexidas existentes no lugar da instalación proxectada.

En base ao citado informe desfavorable, este organismo non pode autorizar a zona de baño solicitada polo Concello de Lugo, aínda que, atendendo á normativa, abre o tramite de vista e audiencia do expediente aos interesados no procedemento para que, no prazo de 15 días hábiles emitan as alegacións ou suxerencias que estimen oportunas. Pola súa banda, o Concello de Lugo tamén tería a posibilidade de alegar e achegar nova documentación que poida cambiar o criterio da DX de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.

“Atendendo ao informe da Xunta de Galicia, preceptivo e vinculante, non é autorizable a nova localización, independentemente de que desde o punto de vista da normativa de Augas que establece as competencias dos organismos de cunca, si cumpre” explicou Quiroga “O trámite de vista e audiencia posibilita ao Concello achegar nova documentación que posibilite a viabilidade desde o punto de vista ambiental”, matizou o presidente

“Desde a CHMS seguiremos poñendo todos os medios dispoñibles para que os veciños de Lugo poidan gozar da tan ansiada zona de baño”, concluíu Quiroga