Skip to main content
Lugo

Os mercadiños do Miño continúan en agosto

Por 4 Agosto, 2022Novembro 3rd, 2023Sin comentarios

Os mercadiños á beira do Miño volverán a ser tendencia en agosto. O Goberno de Lara Méndez decidiu ampliar esta iniciativa, enmarcada no movemento Localmente Lucense, ante o éxito de participación acadado nas dúas primeiras citas celebradas o pasado mes. Neste senso, a rexedora agradeceu a “implicación da veciñanza, así como dos comerciantes que participaron nos mercadiños, cuxo obxectivo é dinamizar a contorna fluvial, ao mesmo tempo que promovemos os produtos locais e de proximidade”.

Así, trátase de mercadiños multidisciplinares, organizados dende a área de Desenvolvemento Local do Concello, que dirixe Ana Abelleira, nos que converxen postos de comercios da cidade, obradoiros infantís, espazos para que particulares e asociacións mostren os seus produtos, así como unha zona decorada para facer pícnic, música ambiente e concursos.

Lara Méndez lembrou que “en cada cita hai vinte prazas para comercios da cidade e dez para particulares, asociacións e colectivos que desexen presentar ou vender os seus produtos, de xeito que o obxectivo é achegar artigos de km0 e de establecementos de proximidade do municipio ao público nun ambiente distendido e nun entorno natural único como é a ribeira do Miño, moi concorrida durante os meses de verán”.

Os mercadiños celebraranses todos os domingos de agosto, de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas, para facilitar a participación de comerciantes e que poidan ofrecer os seus produtos fóra da tenda. O prazo de inscrición como expositores nos mercadiños estará aberto ata 3 días antes da data de inicio na páxina web www.localmentelucense.gal/mercados, onde se atopan as bases e toda a información.

Nos mercadiños haberá postos de comercios locais, obradoiros infantís, espazo para que particulares e asociacións mostren os seus produtos, zona decorada para facer pícnic, música ambiente, photocall e concursos con premios por valor de 1000 euros cada día en vales de compras nos comercios adheridos ao movemento Localmente Lucense.