Skip to main content
Lugo

O proceso de matrícula nos graos da USC chega ao seu ecuador co 90 por cento das prazas cubertas

Por 5 Agosto, 2022Sin comentarios

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) publicou onte xoves a cuarta listaxe de persoas admitidas para cursar un grao nalgún dos centros do SUG, o que dá paso a unha nova quenda de matriculacións que poderán efectuarse dende hoxe 5 ao 8 de agosto a través da súa secretaría virtual.

Ao longo dos próximos meses, aínda haberá dúas quendas máis de matrícula. O día 9 de agosto darase a coñecer unha nova listaxe de persoas admitidas que poderán matricularse do 10 ao 11 do mesmo mes. Finalmente, o día o 2 de setembro publicarase a relación de solicitudes aceptadas na sexta e última quenda de matrícula, que poderá facerse efectiva entre os días 3 e 6 dese mes.

Nesta altura, o número de prazas vacantes en titulacións da USC para o curso 2022-2023 chega apenas ao 11 %, o que supón que case nove de cada dez prazas dispoñibles xa foron cubertas nun proceso no que preto medio cento de titulacións da Universidade de Santiago de Compostela esgotaron xa as súas vacantes. A listaxe completa de graos pechados e as notas de corte para o acceso aos que continúan
abertos están dispoñibles online.

En paralelo, xa se iniciaron os chamamentos para esgotar as prazas vacantes derivadas de anulacións ou desistencias da solicitude de acceso a algunhas titulacións, que continuarán a medida que se vaian producindo ata o 15 de outubro. De experimentaren incidencias durante o proceso de matriculación, as persoas usuarias deben remitilas á CiUG a través do enderezo electrónico ciug@ciug.gal ou do formulario habilitado na súa páxina web. Tamén poderán poñerse en contacto coa Oficina de Información Universitaria (OiU) da USC a través das vías de acceso facilitadas no portal institucional.