Skip to main content
Lugo

O PP pregunta pola reforma do antiguo matadoiro para adaptalo como nova sede da protectora de Lugo

Por 9 Agosto, 2022Sin comentarios

Hai máis de dous anos que Lara Méndez anunciou o traslado da protectora de animais de Lugo a unha nova sede: o antigo matadoiro de Lugo, un anuncio que quedou en papel mollado. Mar Carballas denuncia que desde o anuncio realizado por Lara Méndez non fixeron nada máis ata este ano no que “se decidiron a solicitar unha subvención para poder adecuar as instalacións do antigo matadoiro”. Ante esta situación a concelleira popular pregunta á alcaldesa “que pasou estes dous anos para que nada fixesen? ou, que pasaría se non nos chegan a conceder a subvención?”.

A protectora de animais de Lugo ten un problema grave de instalacións que necesita dunha rápida resposta por parte do Concello de Lugo porque “non se entende a gran preocupación da que no seu día fixo gala Lara Méndez deixando pasar dous anos sen facer nada”. “Se tanto lle preocupan os animais da protectora e a xente que alí traballa ou realiza voluntariado, vai deixar pasar outros dous anos polo menos antes de facer algo máis?”, critica. Mar Carballas sinala que as instalacións actuais da protectora están a deteriorarse e tanto os animais que alí están como a xente que os coida “están cansados de tantas e tantas promesas incumpridas” porque non é que só se deteriore a actual protectora, as futuras instalacións desta entidade tamén se deterioran máis e máis mentres Lara Méndez mira a outro lado “polo que tamén aumenta o custo de renovar o antigo matadoiro”.

O antigo matadoiro de Lugo conta cunhas instalacións que se adaptan moi ben ás necesidades da protectora de Lugo. Conta con espazos moi amplos nos que poder ter aos animais en mellores condicións que na actualidade, pero hai que actuar xa porque a maleza e as inclemencias meteorolóxicas están a deteriorar cada vez máis a estrutura do edificio e o exterior. Hai unhas semanas, desde o Grupo Municipal Popular presentáronse preguntas en comisión para coñecer os plans do goberno local con respecto ao antigo matadoiro e á protectora de animais, obtendo unicamente como resposta “que non se podían dar datas nin importes das obras xa que se descoñecían”.

A pesar das trabas postas polo goberno local á hora de proporcionar información, desde o Grupo Municipal Popular sóubose que a
subvención concedida para renovar as instalacións do antigo matadoiro ascende a 1.795.502€, “unha cantidade o suficientemente importante como para imaxinarse o calado dos traballos que se terán que realizar”. Por iso, os concelleiros populares tenden a man ao goberno local para colaborar en todo o que sexa necesario, algo que levan anos facendo os populares coa protectora lucense, “para que a nova sede desta asociación sexa unha realidade o máis rápido posible para así mellorar as condicións de vida dos animais”.