Skip to main content
Lugo

A USC amplía ata o 12 de setembro o prazo para a convocatoria de proxectos colaborativos do Campus Terra

Por 12 Agosto, 2022Sin comentarios

A través dunha resolución reitoral que acaba de ser publicada no seu taboleiro electrónico, a USC amplía ata o 12 de setembro o prazo de presentación de propostas a esta convocatoria que procura impulsar a colaboración entre os distintos grupos de investigación do Campus Terra. Dotada cun orzamento de 180.000 euros, financiará 10 proxectos que poderán estar vinculados a calquera das grandes áreas de coñecemento, sempre e cando a investigación se relacione con algún dos 7 eixos de especialización do Campus Terra: Produción vexetal e agricultura sostible, Produción e saúde animal sostibles, Alimentación segura e saudable, Xestión forestal sostible, Novas tecnoloxías, Cambio climático ou Biodiversidade e infraestruturas verdes.

As solicitudes presentadas deberán contar como mínimo coa participación de persoal investigador de dous grupos do Campus Terra que figuren no Catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación da USC, e cando menos un deles non deberá ter vixente ningunha modalidade das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas para as universidades do SUG. Tamén poderán participar como integrantes dos proxectos, investigadoras e investigadores pertencentes a grupos adscritos ao Campus de Santiago sempre que as e os participantes teñan vinculación pola súa docencia co Campus Terra.

Cada unha das iniciativas aprobadas percibirá un total de 18.000 euros, repartidos en dúas anualidades (8.000 euros o primeiro ano 10.000 euros, o segundo) e o período de execución dos proxectos será de 18 meses a partir da resolución da súa concesión. O obxecto desta iniciativa é favorecer a realización de estudos conxuntos que promovan a cooperación entre grupos da mesma ou de diferentes áreas científicas, así como o desenvolvemento de novas liñas e capacidades colaborativas. As actuacións proxectadas poderán ser apoiadas ou reforzadas coa participación de empresas ou outros centros de investigación.

As candidaturas, presentadas en formato PDF, deberán remitirse á Área de Xestión de Investigación a través da sede electrónica da USC ata as 23.59 horas do 12 de setembro de 2022. As solicitudes excluídas disporán dun prazo de tres días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución, para poder emendar ou acompañar os documentos que motivaron a súa exclusión da citada convocatoria.

A comisión avaliadora responsable da selección dos proxectos colaborativos obxecto de financiamento empregará como criterios da súa resolución a calidade e a viabilidade das propostas, así como a súa metodoloxía científica e o deseño experimental; o aliñamento dos proxectos cos restos específicos do Campus Terra; a participación e implicación de empresas ou centros de investigación, e o retorno que repercutirá a execución das tarefas proxectadas en relación cos obxectivos do Campus Terra da USC.

A resolución de concesión ou denegación definitiva adoptarase no prazo máximo dun mes contado desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, e comunicarase mediante a súa publicación na web da Vicerreitoría de Política Científica da USC.