Skip to main content
Lugo

O festival Cartografía en Movemento pecha mañá a inscrición para a súa edición de 2022

Por 17 Agosto, 2022Sin comentarios

O festival Cartografía en Movemento pecha mañá as incricións para participar na edición que terá lugar do 2 ao 4 de setembro. Este ano a temática serán os palíndromos.

Palíndromos, palabras que se escriben igual ao dereito có revés. Con elas abren unha nova edición da Alma de Cartografía, ese corazón que bombea o festival Cartografía en Movemento, o 4 de setembro. A 11 edición deste encontro, neste ano 2022, quere xogar coas semellanzas, coas correspondencias, co que pode lerse en dous sentidos.

Como cada ano, convidan a que cada persoa, parella ou grupo elixa un lugar da cidade para despregar nel unha proposta escénica que sexa froito dun diálogo co mesmo espazo. Non hai limitación na linguaxe a utilizar dentro das artes vivas: da danza ao teatro, á lectura poética, á intervención plástica. Tamén calquera lugar é válido, do centro aos centros das periferias, do máis ao menos transitado. O único requisito para as participantes é que terán que escoller un palíndromo coma título das súas propostas. 

A xornada da Alma de Cartografía é amateur, no mellor dos sentidos. A participación está aberta a todas as persoas, de todas as idades, que queren seguir sendo amantes: da cidade, da danza, do encontro imposible no medio dunha palabra, do espazo que camiña nun espello. Para participar, cómpre escoller un lugar da cidade, escribir un palíndromo, axustar esa proposta que terá como duración máxima 15 minutos e contarllo todo a 3monos a través do email info3monos@gmail.com antes do 18 de agosto. No caso de que as propostas recibidas superen o número posible programable, acotaranse segundo orde de inscrición.

A participación na Alma de Cartografía non ten retribución económica. Ás persoas que se acheguen dende fóra de Lugo ofreceráselles unha aportación para desprazamento e todas as participantes estarán convidadas a unha comida nesa xornada.