Skip to main content
Lugo

Adega denuncia que o Club Fluvial segue a incumprir a Lei de augas

Por 29 Agosto, 2022Sin comentarios

A delegación de Lugo de ADEGA vén de denunciar unha vez máis perante a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS), que o Club Fluvial de Lugo segue a incumprir a Lei de Augas e o Regulamento do Dominio Público Hidráulico, denegando acceso ao río as persoas que non son socias.

Durante a actividade que fixemos onte ao acceder ao recinto da entidade, sentímonos coaccionadas, como se o acceso ao río fose un acto delituoso. A directiva da entidade deportiva pretende manter a entidade fóra da legalidade, pese a todas as multas coercitivas impostas pola CHMS e a recente denegación da solicitude de legalización das instalacións do Clube Fluvial por ser incompatibles co Plan Hidrolóxico Miño Sil.

O peche perimetral das instalacións do Club Fluvial no Dominio Público Hidráulico (DPH) supón unha falta reiterada ó longo dos anos por parte do Clube Fluvial. A Lei de Augas (TRLA) e o Regulamento do DPH definen claramente que o leito do río é público e que a zona de servidume para uso público terá diferentes fins, entre os que se atopa o paso público peonil.

Ademais no momento en que a entidade denega o paso ao público en xeral, está a impedir o baño público, polo que estase a incumprir de forma sistemática a TRLA e o Regulamento do DPH. E todo isto sucede coa conivencia do Concello de Lugo, que mantén pechado o acceso ao río da fábrica da luz e en total estado de abandono, cunha pontella que supón un perigo para as viandantes, e cun espazo que podería ser empregado pola veciñanza para acceder ao caneiro e polo tanto ao río.

É preciso destacar que o treito de río apropiado cando menos nos últimos 60 anos polo Club Fluvial é o único do Miño ao seu paso por Lugo que está recoñecido como zona de baño e que, por tanto o único que conta coas mínimas análises e garantías de seguridade e de sanidade ás que obriga a lexislación vixente.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil debe esixirlle á entidade deportiva que cumpra coa lexislación vixente en materia de augas e co regulamento de dominio público hidráulico. Isto implica que debe obrigar ao Club Fluvial a eliminar ou retirar de forma inmediata calquera elemento ou infraestrutura que estea a impedir ou a disuadir o acceso público á zona de servidume neste treito do río Miño que transcorre fronte ao caneiro. Pensamos que no século XXI, e nun contexto global de cambio climático, xa non teñen cabida instalacións no dominio público hidráulico que traten de perpetuar zonas de baño privadas ou de uso exclusivo.