Skip to main content
Axenda CaducadaPalas de Rei

O Saborearte chega a Palas de Rei

Por 11 Agosto, 2022Agosto 12th, 2022Sin comentarios

Este venres, 12 de agosto, a partir das 19.00h, a gastronomía local do Camiño darase cita na praza do Concello de Palas de Rei. O evento gastronómico saborearte liderado polo cociñeiro Miguel Mosteiro, permitirá aos asistentes gozar das bondades da gastronomía da Comarca de Ulloa, participando nunha mostra de cociña en directo con degustación e taller de fotografía.

Na que é a súa segunda edición este proxecto quere continuar poñendo en valor as gastronomías do Camiño, destacando as súas particularidades e a súa relevancia como elemento de promoción turística. A de Palas de Rei será a primeira das 5 citas que ao longo do mes de agosto percorrerán o Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño de Inverno e Roteiro do Mar de Arousa e Río Ulla.

A actividade buscará poñer o foco no papel da gastronomía local como reclamo turístico, pero tamén na importancia da cociña quilómetro cero á hora de lograr un desenvolvemento sostible do territorio e un consumo responsable. Cada xornada contará tamén cun pequeno taller de fotografía gastronómica, a cargo do fotógrafo Adolfo Enríquez e as imaxes resultantes empregaranse para deseñar unha mostra itinerante que se instalará en varios puntos do Camiño de Santiago durante o mes de setembro.

A participación na actividade é totalmente gratuíta, con prazas limitadas para 30 persoas. A inscrición para o evento deste venres en Palas de Rei xa pode realizarse a través do correo electrónico hola@ohmyword.es ou do teléfono 619669788.