Skip to main content
Chantada

O Festival Independente de Chantada enche as rúas do municipio na súa novena edición

Por 13 Agosto, 2022Agosto 14th, 2022Sin comentarios

Co obxectivo dar a coñecer e dar visibilidade a novas bandas e propostas musicais orixinais, nace este festival no municipio de Chantada que neste ano 2022 acada a súa novena edición e percorrerá as súas rúas do 12 ao 14 de agosto.

O FICH, nace como unha asociación sen ánimo de lucro que concentra a súa actividade en torno ao evento musical que lle dá nome.

“Agora mesmo somos unha pequena familia nas que mamá é Lúa e papa é Isaac, pero da que forman parte moitos parentes benachegados como Daniel, Santiago, Belén, Lorena, Alejandro, Jose Ramón, Susana e un longo etcétera”, afirma o propio Isaac.

Resaltan a boa acollida que reciben sempre por parte do público destacando que “o FICH cada ano xera unha maior expectación. É probable que batamos récord de asistencia nesta edición”.

Con respecto aos artistas invitados este ano, Isaac afirma que “Existe unha gran variedade de grupos e propostas. Máis dunha ducia de bandas que se repartirán venres, sábado e domingo 14 de agosto nos habituais espazos do festival: a praza da Paz, a bodega Amedo en Tarrío, o centro recreativo cultural de Chantada Casino, a terraza do bar Centro, a discoteca Yoel e o pub De2. Nas distintas redes sociais está a disposición do público a información detallada sobre horarios e escenarios”.

Xente de tódalas idades poderá desfrutar de concertos e actividades organizadas estes días con motivo do Festival Independente de Chantada, “Os concertos son de balde e para tódolos públicos. De feito, adoitamos deseñar actividades específicas para a rapazada, este ano teremos un obradoiro de interpretación e música que denominamos FICHando FICHeiros. A asistencia aos concertos precisa da colaboración dos participantes como parte importante para a subsistencia do festival”.