Skip to main content
Bóveda

Os socialistas de Bóveda advirten que veciños de San Cristovo de Martín levan un mes sen auga

Por 23 Agosto, 2022Sin comentarios

A voceira de PSdeG de Bóveda, Carmen Macía, mantivo unha xuntanza con afectados da parroquia de San Cristovo de Martín que levan preto dun mes sen auga sen que o concello lles ofreza ningunha solución. Din que hai gandeiros que teñen que trasladar o ganado a outras fincas, xa que non poder darlles de beber.

A voceira explica que os afectados presentaron un escrito no concello a principios deste mes para denunciar a situación que están padecendo, xa que se secou o manancial particular que lles subministraba a auga no seu domicilio, co fin de atopar posibles solucións, “tres semanas despois, o único que tiveron foi a calada por resposta”, critica.

Carmen Macía explica que esta mesma situación esta acontecendo nos lugares de Filgueiro, Outeiro, Casbeiro e Piñeiro, na mesma parroquia de San Cristovo de Martín. E lembra que segundo recolle a normativa, concretamente nos artigos 18 e 25 da Lei de Réxime de Bases Local, “os veciños teñen dereito ao subministro de auga potable no domicilio e a evacuación e tratamento de augas residuais. Polo tanto, non entendemos como o concello do PP non fai absolutamente e abandona á veciñanza, cando é a súa competencia subministrar auga ás parroquias. Si pasa o recibo para cobrala terán que dar ese servizo”, incide.

DIFICULTADES

Os socialistas remarcan ademais que preto destes domicilios o concello de Bóveda dispón de tanques de incendios que se poderían utilizar para trasladar auga aos veciños afectados, ou mesmo contratando os servizos dunha cisterna. “Nestes intres á veciñanza están mercando auga diariamente para poder ducharse, para facer a comida ou lavar e tamén para dar de comer ao seu ganado. Están padecendo unha situación moi difícil e o alcalde non atende as súas reivindicacións, presentaron un escrito que a día de hoxe non tivo resposta e seguen nesta situación critica e estresante, como é a de non ter auga nas súas vivendas”.

“Emprazamos ao Goberno do PP de Bóveda a atopar unha solución a esta lamentable situación. O alcalde non pode quedarse de brazos cruzados  mentres a veciñanza de San Cristovo de Martín está sen auga. O concello está cobrando por un servizo que non está realizando, e por riba, está afectando á economía desas familias xa que teñen que pagar por un servizo que non reciben e que é fundamental para a súa vida diaria, pero que ademais afecta á súa actividade gandeira, que é o seu sustento económico”, replica Carmen Macía.