Skip to main content
Monforte

Monforte ultima os preparativos para o seu Verán Cultural

Por 1 Agosto, 2022Agosto 2nd, 2022Sin comentarios

O programa de actuacións, desenvolverase ao longo de tres espazos da cidade, para dar visibilidade aos grupos musicais monfortinos.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o responsable de Music Soft, Alberto Espín, reuníase cos grupos musicais monfortinos que protagonizarán parte do programa do Verán Cultural do concello.

Así, acudiron ó Salón de Plenos do Concello os representantes dos grupos musicais que protagonizarán o ciclo “Grupos de Monforte. Concertos na rúa”, un novidoso programa de actuacións que terá lugar nos meses de agosto e setembro e que é, en verbas do alcalde, “unha aposta decidida do concello por dar visibilidade e poñer en valor ós nosos grupos musicais da cidade”.

José Tomé explicou os últimos detalles deste programa de actuacións, incluído no Verán Cultural de Monforte, que terá lugar en 3 espazos da cidade, como son a praza de España, a zona da Compañía e a praza da Estación, e anunciou “que contarán cunha boa produción para que as súas composicións soen coa calidade profesional que merecen”.

Este ciclo de concerto é “unha aposta decidida do concello de Monforte polos grupos monfortinos, para dar a coñecer a súa creatividade e as súas propostas en diferentes estilos musicais tanto ós nosos veciños como ás persoas que nos visitan”, sinala o alcalde. “En definitiva, o noso obxectivo é poñer en valor ós grupos musicais da cidade, incluíndoos no programa do Verán Cultural e das festas patronais, e dándolles así o recoñecemento que merecen”.

Neste senso, os representantes dos diferentes grupos agradeceron ó alcalde a iniciativa “porque da visibilidade ós grupos da cidade, moitos dos cales non son coñecidos polos propios monfortinos”.

ACTUACIÓNS

O Alcalde sinalaba que por un imprevisto de última hora, o grupo The Poet Silence, que tiña prevista a súa actuación o xoves 1 de setembro na praza da Estación, finalmente non poderá actuar e o seu substituto será o grupo Bella Chaos.

O programa de concertos, todos gratuítos para o público asistente, é o seguinte:

Luns 8 de agosto: Cero2Cero na Zona Compañía ás 22.30 horas e Cool Flanders no mesmo lugar ás 00.00 horas.

Martes 9 de agosto: Los Jinetes del Trópico na praza de España ás 23.00 horas.

Martes 23 de agosto: Dinosaurios na praza da Estación ás 22.30 horas e Doc Magoo’s no mesmo lugar ás 00.00 horas.

Mércores 24 de agosto: Penny Lane na Zona Compañía ás 22.30 horas e Movilla y los Irrepetibles no mesmo lugar ás 00.00 horas.

Xoves 1 de setembro: Bella Chaos na praza da Estación ás 23.00 horas.

Venres 2 de setembro: Ad Heira Liti na praza de España ás 22.30 horas e Deloreans no mesmo lugar ás 00.00 horas.