Skip to main content
Monforte

Rexeitan declarar como BIC a explanada da Compañía de Monforte de Lemos

Por 2 Agosto, 2022Sin comentarios

O tribunal conclúe que non procede declarar que o campo da Compañía ou da feira forme parte da declaración de Ben de Interese Cultural, do que goza xa o edificio do colexio dos Escolapios.

A explanada da Compañía non formará parte do Ben de Interese Cultural (BIC) do colexio dos Escolapios, como pretendía a Xunta e en contra do criterio do concello de Monforte. Así acaba de decidilo o Tribunal Superior de Galicia nunha resolución que sostén que a consellería de Cultura incorreu en erros de procedemento na xestión da declaración dos Escolapios como BIC. Unha das intencións dos responsables municipais cando decidiron presentar o recurso que agora gañaron era evitar os inconvenientes que podería provocar a catalogación BIC para a realización de obras na explanada en servizos coma a rede de saneamento.

Se a consellería de Cultura quixo incluír a explanada no BIC do colexio dos Escolapios, foi porque o propuxo na fase de alegacións a Fundación do Colegio de Nosa Señora da Antiga (unha entidade dirixida pola orde relixiosa dos pais Escolapios), a encargada de xestionar o edificio dende hai algo máis de 150 anos. A consellería decidiu aceptar esa alegación e incluíu a explanada, a praza pública coñecida como Campo da Compañía, no BIC do colexio. Pero o concello de Monforte decidiu recorrer á vía legal para tratar de corrixir ese cambio e que o BIC quedase limitado de novo ao edificio do colexio.

O seu principal argumento é que a consellería incorreu en erros de procedemento. Por exemplo, que a declaración do colexio como BIC está apoiada por informes técnicos de dúas entidades consultivas, como esixe a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Eses informes están firmados pola Real Academia de Belas Artes e o consello da Cultura Galega, pero a modificación posterior non dispón dese soporte. A Real Academia de Belas Artes e o consello da Cultura Galega só se pronunciaron sobre a idoneidade de declarar BIC o edificio do colexio, porque a consellería non lles preguntou pola posibilidade de incluír tamén o Campo da Compañía.

Ademais, nestes cambios a consellería mantivo inalterable a súa decisión de declarar BIC o colexio na categoría de monumento. O tribunal destaca que se do que se trata é de darlle esa consideración ao edificio e tamén a outros elementos que forman parte do seu entorno, o correcto sería declarar os Escolapios e o Campo da Compañía BIC na categoría de conxunto monumental.

En cambio, o tribunal rexeitou o segundo argumento do concello que pedía que a sentencia declarase expresamente que non é preciso que a Xunta fixara unha zona de protección arredor do colexio. Os asesores legais do organismo municipal monfortino sostiñan que o plan especial para o casco histórico desta localidade, en vigor dende o 2020, xa cataloga o colexio cun grado de protección integral e parte da parcela na que se asenta como área de contorno. A este respecto, os xuíces que revisaron o caso lembran que o plan especial é un documento de carácter urbanístico, mentres que a declaración BIC ten que ver coa protección do patrimonio. Que un elemento apareza protexido nun, non quere dicir que deba aparecer tamén no outro. En todo caso, o entorno de protección fixado pola consellería vese afectado pola decisión de retirar a consideración de BIC á explanada.

O alcalde de Monforte, José Tomé, xustificaba desta forma hai uns meses a presentación do recurso contra a declaración como BIC do conxunto da explanada da Compañía alegando que para determinado tipo de actuacións, a declaración podería traer inconvenientes. Referíase ás obras que puidera ser necesario levar a cabo nos servizos municipais que pasan baixo a explanada, como por exemplo a rede de saneamento.