Skip to main content
Monforte

Monforte acollerá un curso básico de manipulador de produtos fitosanitarios

Por 16 Agosto, 2022Sin comentarios

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no concello lucense de Monforte de Lemos unha acción de formación profesional e adquisición de competencias básicas na aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios.

O obradoiro terá 27 horas de duración total entre o 18 de agosto e o 1 de setembro, en formato semipresencial. Así, as nove horas presenciais do curso impartiranse os días 29 de agosto e 1 de setembro en horario de tarde, das 16.00 horas ás 21.00 horas, no centro de formación e experimentación agraria da localidade.

O programa do obradoiro consiste de 15 unidades, comezando con nocións sobre as pragas que se dan nos cultivos, seguidas de diferentes aspectos sobre produtos fitosanitarios e medidas tanto de hixiene como de seguridade, xunto co emprego de  diferentes tipos de equipamento e outros aspectos relacionados coa materia. Todos os bloques de contido, sexan presenciais, en liña ou mixtos, teñen unha duración de tempo  de entre unha e catro horas. A última unidade do curso consiste no exame final, que se desenvolverá de xeito presencial.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende proporcionar aos alumnos do obradoiro os coñecementos necesarios para un uso sostible dos produtos fitosanitarios, tendo sempre como base o respecto polo medio ambiente e a seguridade e hixiene. Así mesmo, o carácter semipresencial desta acción formativa permite harmonizar a vida laboral dos alumnos e a súa conciliación familiar, o que lles posibilita facer parte do curso dende a casa á vez que aprenden sobre o terreo -nas clases presenciais- a empregar distintos tipos de equipamento e recursos.

Cómpre lembrar que a consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios.

O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103, ou enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.gal.