Skip to main content
O Saviñao

Os socialistas de O Saviñao reclaman solucións ante os cortes de auga que sofre a veciñanza

Por 5 Agosto, 2022Agosto 6th, 2022Sin comentarios

O voceiro socialista, Celestino Rodríguez Pombo, fíxose eco das denuncias e do malestar que esta ocasionando á veciñanza así como tódolos comercios, os problemas na rede de subministro de auga da nosa vila. “O Goberno do PP ten que actuar para darlle unha saída a esta problemática, fan falla solucións urxentes para evitar que a situación remate por converterse en dramática”.

Nesa liña o voceiro socialista explica que na pasada sesión plenaria, foi aprobada por unanimidade unha iniciativa socialista, para arranxar os constantes problemas de cortes de auga na vila. “Xa hai un mes que puxemos deberes ao Goberno do PP para solucionar de xeito integral a tubaría máis antiga e máis deteriorada das instalacións existentes. E ademais, nesta proposta tamén solicitamos a Augas de Galicia que co investimento percibido no chamado Canón da Auga, reverta na veciñanza do Saviñao”.

“Pasaron os días e os meses e comprobamos que non se fixo absolutamente nada de nada sobre esta incidencia. Estamos en plena época estival, cando a poboación no noso concello aumenta de xeito considerable. Pero lamentablemente a auga da traída no Saviñao segue cos seus problemas habituais”, critican dende o PSdG.

Afirman que puideron constatar que o concello realizou un aumento da rede de abastecemento de auga, “pero fíxoo de xeito anárquico sen ningún planeamento e sen ningún control, e agora padecemos as consecuencias. Ademais este incremento na presión da auga da traída segue sendo insuficiente xa que os cortes de auga seguen sendo persistentes”.

Dende o PSdeG explican que a rede de canalización de auga do Saviñao ten máis de 50 anos. “Nós xa advertimos da limitación hídrica que presenta dende fai tempo o río Sardiñeira, pero o PP segue sen buscar alternativas, esperando a que os problemas se resolvan soíños, en vez de solventalos e actuar”.

Por último, os socialistas do Saviñao emprazan ao alcalde e a todo o seu Goberno a poñerse a traballar para mellorar as dotacións publicas da vila, e non a culpar a outras administracións da súa propia incompetencia política. O voceiro socialista aludiu así as manifestacións verquidas polo alcalde no último pleno, no que asegurou que a traída de auga de Diomondi estaba rematada a falta do permiso da CHMS. “Segundo puidemos comprobar na Confederación Hidrográfica non entrou ningunha solicitude sobre este tema e ademais solicitamos no propio concello o número de rexistro de saída desta mesma petición e, loxicamente non existía. Non mintan e traballen”, insisten.