Skip to main content
Sober

O Concello de Sober insta a facer un uso responsable da auga

Por 7 Agosto, 2022Agosto 8th, 2022Sin comentarios

O concello de Sober fai un chamamento á responsabilidade no consumo de auga ante a seca que está a afectar a todo o país polo o mal uso que se está a facer da rede pública.

O concello de Sober conta con traída municipal en preto de 800 vivendas do municipio e tamén con caudalímetros por zonas. Grazas a estes puideron detectar consumos moi elevados en determinadas franxas horarias que se corresponden co horario habitual de rego e tamén o uso de rego con programador.

O Goberno local apela á responsabilidade de todos os veciños e veciñas e vai proceder a un varrido por zonas para detectar enganches ilegais á rede e usuarios que reguen con auga da traída. De detectar prácticas prohibidas ou abusivas tramitaranse as correspondentes sancións.

O concello de Sober recorda que está totalmente prohibido usar a auga da traída para regar, lavar vehículos ou encher piscinas. O seu uso debe ser en exclusiva para consumo doméstico. Agora mesmo, están facilitando cisternas de auga a varios pobos que non contan con traída municipal senón con traídas veciñais nas que escasea o subministro. “Mentres uns teñen problemas outros malgastan a auga con regos descontrolados ou enganches ilegais o que é ilóxico”, resume o rexedor, Luis Fernández Guitián.

O alcalde aclara que non hai problemas no subministro municipal pero o consumo de enerxía e cloro é moi elevado, polo que se prega responsabilidade.