Skip to main content
Taboada

Taboada acolle a IX carreira popular Entre Pazos e Carballos

Por 27 Agosto, 2022Agosto 28th, 2022Sin comentarios

O 3 de setembro celebrarase no concello de Taboada o VIII Circuíto Miño-Ulla de carreiras populares no que poderán participar persoas de tódalas idades.

Cun total de 130 inscritos ata o de agora, cada un deles poderá desfrutar dun agasallo ecolóxico que realizará a organización e tamén da degustación gratuíta de produtos da zona que se producirá unha vez terminada a carreira.

A proba terá lugar na alameda de Taboada, a partir das 17.30 horas o sábado día 3 e haberá distintas categorías:

17.30 horas: carreira absoluta terá un prezo de dous euros e haberá que percorrer 10.000 metros (acollerá a participantes do ano 2006 e anteriores).

A partir das 19.00 horas terán lugar as carreiras de categorías escolares que irán dende a categoría chupete ata a categoría A, B ou C, todas elas serán gratuítas e haberá que percorrer unha distancia que irá dende os 100 e ata os 1.500 metros.

A categoría Chupete acollerá a participantes do 2016 e de anos posteriores, a categoría A a aqueles que abranguen dende o ano 2013 ata o 2015, a categoría B aos que van dende o 2010 ata o 2012 e por último, a categoría C, aos nados entre 2007 e 2009.

Os atletas contarán cunha zona de estacionamento nas inmediacións do Pavillón Deportivo Municipal e unha vez rematada a proba, estarán á súa disposición as duchas destas.

Para inscribirse e tamén para consultar os resultados da carreira unha vez realizada, pódese visitar a páxina https://xn--circuitomioulla-7qb.es/

O CIRCUÍTO

O circuíto Miño-Ulla é unha iniciativa turístico-deportiva consistente nun circuíto de carreiras con criterios de homoxeneidade co obxectivo de fidelizar un mesmo tipo de público e de estimular sobre todo a participación, aparte da propia competición.

Aínda que cada evento poida ter un organizador ou unha identidade propia, uníronse todos os seus elementos comúns para que cada un deses eventos se retroalimente do resto. Estes criterios son: eventos con distancias accesibles para o deportista popular, distancias e competicións para tódalas idades e proximidade xeográfica entre as sedes.