Skip to main content
O Incio

O entorno do muíño de Saa, sufrirá unha nova rehabilitación

Por 1 Agosto, 2022Sin comentarios

O acondicionamento do muíño de Saa, na parroquia de San Pedro do Incio, será levado a cabo polo concello deste municipio. Nun primeiro momento, tivo lugar unha reforma na cuberta da construción e agora, é o quenda das obras que suporán unha mellora no entorno, no acceso e na renovación das carpinterías.

O muíño, cuxos traballos serán financiados pola Axencia Turismo de Galicia, cun presuposto que roldará os 18.000 euros, foi cedido por uns veciños á administración municipal.

A iniciativa, enmárcase dentro dunha liña de axudas para proxectos de mellora de infraestruturas turísticas dirixida a municipios de menos de 10.000 habitantes e o que se busca tal e como explica o alcalde, Héctor Corujo, “é dar continuidade ás actuacións iniciadas no pasado ano nestas instalacións localizadas no río Mao”.

ACONDICIONAMENTO INTERIOR

En 2023 espera poder levarse a cabo unha terceira e última fase e poder acondicionar o interior do muíño, onde se conserva toda a maquinaria.

O obxectivo é que as instalacións poidan ser visitadas e os veciños e turistas poidan coñecer así o seu funcionamento.

O inmoble está preto da área recreativa de Saa e dos muíños de Triacastro. Por isto, á administración local gustaríalle habilitar nun futuro unha ruta que enlace estes dous puntos, así coma cun área recreativa. Na zona, a uns 400 metros da construción de Saa, tamén se atopa a cascada coñecida como de San Pedro.

Este proxecto axudaría a dar a coñecer este espazo, de elevada riqueza paisaxística e patrimonial, situado en Rede Natura.