Skip to main content
O Incio

O Incio terá unha nova subestación para a electrificación do ferrocarril no 2023

Por 31 Agosto, 2022Setembro 1st, 2022Sin comentarios

Cun orzamento de máis de 4 millóns de euros, está previsto que para o ano seguinte, o concello do Incio poida ter xa instalada esta rede eléctrica que se situará xunto ao corredor Nadela-Monforte, na saída de Magnesitas de Rubián.

A construción desta nova liña eléctrica afectará de forma directa a catorce propiedades do municipio.

Esta actuación, executada pola Rede Eléctrica de España, ten como principal obxectivo establecer unha liña aérea de dobre circuíto e de case medio quilómetro de lonxitude, que conectará a rede actual coa subestación de transporte de enerxía denominada O Incio.

Cun investimento de máis de 4 millóns de euros por parte da Rede Eléctrica de España, estanse a executar os diferentes permisos necesarios para levar a cabo a obra.

Segundo o Diario Oficial de Galicia, o prazo de posta en marcha das instalacións será de doce meses a contar dende a data do derradeiro permiso administrativo necesario para os traballos. A compañía tamén solicitou unha licenza municipal, que está pendente de concesión.

A obra está incluída no plan de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía, aprobado polo Consello de Ministros o pasado mes de marzo prevé varias actuacións ata 2026 entre elas, traballos que impulsarán a electrificación do transporte ferroviario do eixo Vigo – Ourense – Lugo – A Coruña.