Skip to main content
Samos

A biblioteca municipal de Samos, sufrirá unha reforma levada a cabo polo concello

Por 9 Agosto, 2022Agosto 10th, 2022Sin comentarios

Debido ao estado no que se atopan as súas instalacións hoxe en día, o concello de Samos decide remodelar o interior da súa biblioteca centrándose na mellora do teito, das paredes e do pavimento.

Para os traballos de remodelación, nos que se espera inverter arredor duns 48.000 euros, o concello vén de percibir unha subvención de 26.997 euros da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dunha liña de axudas dirixida ao equipamento e a mellora de instalacións e locais empregados para a organización de actividades culturais. A contía restante terá que ser aportada pola administración local. O concello costeará ademais o proxecto e a dirección de obra. Os traballos suporán a mellora da sala da biblioteca e a construción duns aseos.

En concreto, a actuación incluirá a reparación das paredes, a instalación dun falso teito e a renovación do pavimento. Ademais, na planta baixa serán acondicionados uns aseos, para os que se adecuarán unhas escaleiras en madeira e metal.

O inmoble, que se atopa en pleno centro da localidade de Samos, poderá prestar outros servizos aos veciños como servir para a celebración de reunións e outras actividades.

O concello está pendente da resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para executar as obras. A actuación sairá a licitación unha vez que se conte co permiso deste organismo para quedar aprobada de forma definitiva.

Estas obras únense ás que se executaron no ano 2021, cando se renovou a cuberta, ventás e unha porta.