Skip to main content
Sarria

O servizo de atención temperá do concello de Sarria, voltará licitarse tras quedar sen adxudicar

Por 4 Agosto, 2022Sin comentarios

É a segunda vez que se esgota a contratación deste programa comarcal, que ata o de agora segue a prestar a mesma empresa.

A finalidade é ofrecer un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de entre 0 e 6 anos con discapacidade intelectual (á familia e ao seu entorno), co obxectivo de dar resposta o máis cedo posible ás necesidades  transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no seu desenvolvemento, ou que teñen risco de padecelos.

O programa, para o conxunto dos sete concellos da comarca, saíu a contratación no mes de maio por 74.000 euros para desenvolverse ata o 31 de outubro. Ao concurso concorreron dúas firmas, sendo excluída unha primeira delas por incumprir a súa oferta no apartado das prescricións técnicas.

A mesa de contratación propuxo entón adxudicalo á outra empresa, se ben pediu que os servizos técnicos municipais elaboraran un informe de verificación sobre o cumprimento do local ofertado coas especificacións técnicas solicitadas. Este documento indica que cumpría coas condicións, agás no que a superficie da sala de lactación se refire.

A atención temperá xa salira a concurso en decembro do pasado ano, pero unha firma (a única que concorreu) presentou un recurso contra as bases no Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia e estimouno parcialmente. Por isto, o concello sacouno de novo a licitación en maio.

A atención temperá púxose en marcha hai un ano, tras recibir unha axuda da consellería de Política Social. Na actualidade, conta cunha nova subvención desta administración.