Skip to main content
Sarria

Actividades de escalada, deportes acuáticos e rutas de sendeirismo entreteñen este verán aos cativos de Sarria

Por 10 Agosto, 2022Agosto 12th, 2022Sin comentarios

Un total de 280 inscritos poderán desfrutar de actividades de escalada, deportes acuáticos e rutas de exploración no Camiño de Santiago, no campamento Aventura no Camiño 2.0 que organiza o concello de Sarria.

Nenos de entre 5 e 17 anos poderán realizar actividades moi diversas de ocio, deporte e aventura na vila e os seus arredores. Dende cursos de iniciación á escalada pasando por deportes acuáticos como pádel surf ou kayak no río, ou rutas de sendeirismo e exploración no Camiño Francés (como é o caso do itinerario que a organización preparou ata a parroquia de Barbadelo).

O obxectivo é o de acadar que estes nenos proben actividades novas que os arrinquen da rutina e dos deportes que realizan de maneira habitual. A programación será diferente cada día.

O número de participantes este verán é superior ao de outras edicións, este ano incluso hai nenos de Madrid e Barcelona que forman grupos entre todos e fan que o ambiente sexa fantástico.

O campamento prolongarase ata finais deste mes e a organización ten preparadas novas actividades. Entre elas, valórase a posibilidade de realizar unha sesión nocturna de observación astronómica.

Ademais, o derradeiro fin de semana deste mes, haberá unha festa sorpresa similar á que se celebrou en días pasados no tobogán xigante situado na praza da Vila (no que os participantes de Aventura no Camiño 2.0 tamén tiveron a oportunidade de participar).

OUTRAS ACTIVIDADES

Ao campamento únense outras iniciativas promovidas pola delegación de deportes do concello coma os cursos de natación nas piscinas de O Chanto con distintos niveis de aprendizaxe para os que xa se cubriron 275 prazas.

Da mesma maneira, as clases de pilates no exterior, prolongadas ao longo desde mes, conseguiron reunir a un total de 50 usuarios.