Skip to main content
Sarria

O concello de Sarria investiu nas festas de San Xoán 148.000 euros

Por 9 Agosto, 2022Agosto 10th, 2022Sin comentarios

O concello de Sarria presentou as contas das festas de San Xoán, celebradas do 23 ao 27 de xuño e que tiveron un custe para as arcas municipais de 148.549,43 euros. A maior cantidade foi destinada ás orquestras, as cales levaron máis da metade do presuposto dedicado ás festas patronais

Máis da metade do presuposto levárono as orquestras, a gran aposta nestas festas patronais, xa que se contou con algunhas das principais formacións como Panorama, Los Satélites ou El Combo Dominicano.

O concello gastou ademais 21.381,49 euros en pasarrúas, grupos e abonar as correspondentes taxas á Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE). Outros 43.072,94 euros dedicáronse ao son, á publicidade, á pólvora, á iluminación e á pancetada da noite do lume.

O concello tiña este ano un presuposto de 150.000 euros para as patronais, de forma que quedou un saldo positivo de 1.450,57 euros. A isto hai que sumarlle os ingresos polas taxas polas atraccións, polas que se recibiu 6.661,53 euros.

O concello duplicou neste exercicio o presuposto destinado ás patronais en anos anteriores á pandemia, que era de 75.000 euros. Segundo explicaron, esta cantidade non era o custo real e, por exemplo, en 2019 gastáronse 160.000 euros.

Os responsables municipais tamén realizaron un balance dos festexos nos que se optou pola recuperación da festa tradicional, sacar á xente á rúa e ter boas orquestras.

Fixeron fincapé na parte institucional das patronais, co pregón, que correu a cargo do alcalde de Valladolid, con vínculos con Sarria. No referente á noite do lume, o que se buscou é que fora realmente unha noite con espectáculo de lume.

Valorouse a localización na rúa Castelao e o seu entorno. Apostando así por mantela para o próximo ano, no que se buscara levar un deseño similar do programa pero sen rexeitar que se poidan buscar ingresos alternativos ao achegamento municipal.