Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “Gústame crear boa atmosfera para poder traballar cos nenos, preocúpome por eles tamén fóra da pista”

Por 20 Agosto, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Adrián López Armesto, adestrador no CB Sarria de Baloncesto e nomeado recentemente seleccionador galego de minibasket feminino.

Antes de ser adestrador de baloncesto fuches xogador… levas moito tempo practicando este deporte? Gustouche dende sempre?

Si, xoguei moitos anos. Empecei a xogar torneos un pouco extra oficiais con 12 anos e a día de hoxe teño 38 así que imaxínate. Estiven sempre vencellado ao CB Sarria.

Levo toda a vida, de forma ininterrompida, colaborando dunha maneira ou outra. Primeiro como xogador e a continuación, con 17-18 anos, xa comecei a xogar e levar equipos en colexios.

Fai canto tempo que eres adestrador?

Con 17 anos empecei a adestrar. Foi algo que foi semi profesional e nese período empecei a compaxinar o que era o tema de ser xogador con adestrar aos nenos.

Sempre traballaches con nenos? Tivéchelo claro dende sempre que querías adestrar a nenos?

Si, a verdade é que si. Dende o momento no que entrei no club, malia que fora do deporte realicei a miña formación en algo que non ten nada que ver, sempre tiven claro e gustoume moito o tema de adestrar a nenos e estar con nenos.

É polo que realmente sinto paixón. Ao final despois dunha evolución lóxica neste mundo pois a verdade é que o que máis me gusta é o ambiente super sano que hai.

Creo que teño unha relación moi sana coas familias, con el resto de adestradores, cos clubs próximos, cos clubs incluso doutras partes de fora de Galicia.

Teño moita facilidade para poder relacionarme con xente, e creo que ese é un dos meus puntos fortes para que me vaia todo un pouquiño rodado. A verdade é que si, dende moi mozo tiven claro que me gustaba adestrar.

Das clases a nenos de qué idades?

Adestrei a nenos dende 5 ata 17 anos (de categoría junior). As derradeiras xeracións que levei foron máis de xogadoras femininas e non tanto de equipos masculinos.

Cal é a rutina que segues para os adestramentos?

A nosa filosofía no club céntrase principalmente no perfeccionamento individual do neno ou nena. Sobre todo, a nosa base dos adestramentos é traballar a técnica individual. Centrámonos máis na técnica individual que non na táctica que os nenos poidan coller á hora de xogar.

Son moitos exercicios e moitas as repeticións de técnica, técnica, técnica que facemos. Reiteramos iso e é verdade que despois trasladámolo todo á táctica. A táctica son os sistemas de xogo, a maneira e a forma que teñen os nenos de xogar no campo.

Pero xa che digo, o noso obxectivo é que o neno ou nena mellore de forma individual para que despois chegue a ser un bo xogador ou xogadora en equipo e chegue a realizar bós exercicios nos partidos.

É sinxelo traballar con eles?

Eu creo que a clave todo é ter paixón polo que fas. Estar a facer algo que che gusta e ter feeling cos nenos. O fundamental é ter feeling.

Chega un momento no que non é necesario ser constantemente un sarxento ou ter man dura cos nenos, eu creo que o respecto gáñase a base de confianza.

Ti podes ter unha relación perfectamente cordial fora da pista con eles e que eles poidan contarche os seus problemas, o seu día a día… bueno, eu fágoo así porque así o sinto. Gústame falar con eles, que sempre teñan a miña porta aberta por si teñen algún problema que poidan contarmo.

E eu creo que a partir dese momento créase un vínculo co que é moito máis doado traballar. Eu creo unha atmosfera boa para poder traballar con eles, a miña filosofía é esa. Gústame preocuparme por eles tamén fora da pista.

Vimos de coñecer que fuches nomeado seleccionador galego de minibasket feminino. Como recibiches a noticia? Esperabas o nomeamento?

A verdade é que foi unha sorpresa. Eu este ano levei o seguimento da selección 2011 do equipo mini feminino na categoría de alevín, que é o equipo do que serei agora seleccionador. Realicei varias concentracións ao longo da tempada, unhas catro ou cinco.

E unha vez que finaliza o ciclo, a federación busca darlle certo cambio a varias seleccións. Cando me avisaron desto, a verdade é que foi unha gratísima sorpresa. Non contaba con elo para nada. Ao final si que é certo que a miña evolución, sobre todo esta tempada a nivel de club, foi magnífica.

Creo que as cousas saíron bastante ben, ao final creo que é un premio en recoñecemento a toda unha traxectoria e hai que pensar que é moito máis complicado conseguir este tipo de nomeamento xa que hai moitos adestradores a nivel de Galicia que poden ir. É un premio moi bonito que se lembren dun para ser seleccionador.

En que pensas que vai cambiar o teu traballo a partir de agora? Implicará maior traballo pola túa banda?

Sinceramente eu sempre tiven moi claro que teño grandes metas pero enfocándoas de cara ao club. Quero ver crecer ao meu club, para min o CB Sarria é todo.

A min o CB Sarria formoume e é onde realmente eu pasaba a maior parte do tempo cos adestradores e cos xogadores que hoxe en día considero amigos meus. O meu primeiro adestrador continúa hoxe en día vencellado ao club, traballa como secretario. Os meus amigos son do baloncesto, o ambiente que vivín sempre foi fantástico.

O meu obxectivo, a miña meta e a miña ilusión sería continuar aquí moitos anos e ver como o club continua a crecer e segue dando pasos firmes (dende ter unha directiva organizada a adestradores que sintan esa paixón por formar aos nenos).

Ao final é todo remar na mesma dirección.

Como dis entón en canto a perspectivas de futuro, permanecerás no club?

Eu téñoo moi claro. Eu a día de hoxe teño moi claro que quero seguir no CB Sarria e quero seguir formando parte de algo moi bonito que creo que estamos a crear entre todos. Dende presidencia, directiva, adestradores, colaboradores, empresas que apoian a nivel de concello… ao final é iso, hai moita xente detrás e é algo moi bonito.

E eu síntome moi ben tratado, ao final é a miña casa e onde vou estar mellor que na casa?

Fálanos de algún partido que recordes con especial cariño ou para o que os adestramentos foran máis complicados

Podería falar de 300 partidos dos que teño gratos recordos. Si que é certo que eu destacaría máis as xeracións coas que pasei moitos anos como por exemplo, coa miña última xeración de junior feminino.

É certo que ti como adestrador desenvolves unha parte moi bonita que é a de dirixir a nenos no seu día a día.. e iso é moi gratificante para un adestrador.

Por exemplo, teño un gratísimo recordo de cando xogaba. Ao final as categorías de formación xogando sendo infantil, cadete, junior.. os recordos de cando xogas son preciosos e eu creo que realmente é algo que marca moito. Gústame moito remarcarllo aos nenos porque creo que é un recordo que van ter para toda a vida.

Xa cando empezas no mundo senior a partir dos 17-18 anos o ambiente é distinto pero realmente cando xogas en categorías infantís ou xuvenís, nun club como o CB Sarria que non traemos a ninguén de fora e os nenos son todos de aquí, ao final realmente é cando estás formando (na maior parte dos casos) ao teu grupo de amigos para toda a vida.

Moita da xente e moitos dos rapaces cos que eu comecei a xogar, a día de hoxe que para min é o importante, como digo son os meus amigos. Para min iso é fundamental.