Skip to main content
Triacastela

As escavacións na Cova Eirós darán comezo a semana que vén

Por 3 Agosto, 2022Agosto 4th, 2022Sin comentarios

Os traballos na gruta de Triacastela, financiados pola consellería de Cultura, contarán coa presenza dun equipo de doce especialistas da USC e seguirán nos niveis do Paleolítico Medio

A campaña de escavacións na Cova Eirós, en Triacastela, comezará arredor do día 8 deste mes e os traballos prolongaranse dúas semanas ata o día 21.

As actuacións, financiadas un ano máis pola consellería de Cultura, continuarán onde se deixaron o ano pasado, nos niveis do Paleolítico Medio. Os equipos estarán formados por doce persoas, entre as que se atopan estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A Cova Eirós situada en Triacastela, é unha xoia da prehistoria de Galicia. Nela pódense atopar indicios da orixe da humanidade, do oso das cavernas e a primeira mostra de arte rupestre en Galicia que fan deste lugar un enclave único.

O valor de Cova Eirós abarca moitos ámbitos científicos, dende o histórico ata o antropolóxico, biolóxico ou artístico. No seu interior atópanse vestixios de lumes de hai máis de 180.000 anos. Ademais, é a única cova da que se coñece a ocupación continuada do Homo Sapiens e o Homo Neanderthalensis.

Estes rastros, xunto ás mostras de arte rupestre, que tamén son as máis antigas atopadas en Galicia, supoñen unha mostra histórica das orixes da humanidade. Por outra banda, a cova é un dos xacementos paleontolóxicos máis relevantes no estudo do oso das cavernas a nivel europeo.

Da man destas escavacións, este ano introducirase como novidade, un curso de verán no que participará tamén a Universidade de Santiago de Compostela e que se centrará nos neandertais, que tanta información aportaron aos investigadores en Eirós. A actividade será en Folgoso do Courel.

Este programa dá continuación ás xornadas que xa se organizaron en Triacastela no ano 2007, agora con outro curso monográfico ao que acudirán persoas de tódalas partes da península e tamén de Portugal.