Skip to main content
Xermade

Xermade volverá ser capital dos Torneiros da Madeira do 16 ao 18 de setembro

Por 10 Agosto, 2022Sin comentarios

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou xunto ao alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, na presentación do XXII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que terá lugar do 16 e 18 de setembro no concello chairego. No acto, celebrado na biblioteca municipal de Xermade, participaron tamén a directora da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, e o presidente da Asociación Amigos da Madeira, Alfonso Franco. 

A Deputación de Lugo achega 6.000€, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos, para a celebración desta cita. Fernández Rico destacou que se trata “dun encontro co que colaboramos dende a institución provincial pola proxección nacional e internacional que supón para este concello e, desta forma, para toda a provincia de Lugo. Pero tamén porque pon en valor unha materia prima como a madeira”. 

Neste sentido, Fernández Rico destacou que “a explotación racional e sostible do monte é, en si mesma, unha fonte de riqueza. Por iso, dende a Deputación de Lugo pensamos que  debemos converter a madeira en fonte de riqueza e en fonte de desenvolvemento do noso rural e aproveitamos o potencial dos nosos montes”.

“Despois de máis de dúas décadas, este Encontro de Torneiros converteu ao concello de Xermade nun referente internacional desta modalidade de traballo da madeira e a fusión de traballos tradicionais e obras de deseño vangardista é o seu gran acerto”, explicou. Así mesmo, o Deputado agradeceu ao Concello de Xermade “o bo traballo que está facendo para conservar un oficio tradicional, que deixaba a súa pegada no mobiliario cotián das casas, nos ornamentos dos retablos ou en pezas de instrumentos musicais”.

Este ano, tal e como se anunciou na presentación, o Encontro de Torneiros contará con demostracións en vivo destes artesáns, así como puntos de venda de distintos produtos artesanais de madeira. Nesta ocasión, contará coa presenza de expertos e profesionais da artesanía, como Patrick Arlot, Paul Hannaby, Georges Baudot e o galego Lolo Castro.

O alcalde de Xermade destacou que esta cita “enorgullece ao municipiom que se converte no centro internacional deste oficio contando con grandes mestres, e que ademais supón un gran reclamo turístico que redunda na economía da comarca”. Ademais, García Pernas avanzou que o Concello solicitou á administración autonómica a declaración de Festa de Interese Turístico Galego e que agarda obter esta distinción para as vindeiras edicións. Así mesmo, García Pernas explicou que para enxalzar “aínda máis o traballo dos nosos torneiros estamos traballando na creación dun Museo da Tornería no municipio”·