Skip to main content
Abadín

Comeza unha campaña para pedir máis persoal para o centro de saúde de Abadín

Por 16 Agosto, 2022Sin comentarios

Actualmente, só hai un médico para atender a unha poboación de 2.300 veciños e veciñas, e a carga de traballo que está soportando o único sanitario é excesiva.

“A veciñanza de Abadín esta farta dos recortes no centro de saúde e do desmantelamento paulatino que sofre a atención primaria na vila. Por iso, dende o Grupo Socialista estamos participando na campaña de recollida de firmas que hai en marcha en Abadín, impulsada por diferentes colectivos, para unirnos nas súas peticións co fin de reclamar máis persoal sanitario no centro de saúde”, avanzan dende o PSdeG.

O voceiro socialista de Abadín, Pablo Díaz, xunto con concelleiros socialistas, desprazáronse  a diversas parroquias de Abadín, para participar na campaña de firmas, coa que se insta á Conselleira de Sanidade a mellorar de xeito urxente a atención primaria no concello de Abadín.

Os socialistas lembran que cal é a situación actual no centro de saúde. “De tres médicos que consultaban na vila, só queda un e comprobamos que a situación vai a peor. Actualmente, só hai un médico para atender a unha poboación de 2.300 veciños e veciñas, e a carga de traballo que está soportando o único sanitario é excesiva. Ademais ten que distribuír as quendas de traballo para atender a tódolos pacientes que estaban no cupo dos outros dous sanitarios, que xa non están exercendo e que non son substituídos pola Xunta.

Ademais, tamén reclamamos os reforzos necesarios neste período estival, e que se contrate o servicio de pediatría que recortaron fai tempo. “Non podemos quedarnos de brazos cruzados mentres a nosa veciñanza esta en pé de guerra solicitando melloras na nosa vila. Do noso Alcalde e do seu Goberno xa sabemos que non podemos esperar nada. E como xa ven sendo habitual, cónstanos, que non van mover un só dedo para mellorar a situación de desatención actual”, advirten dende o PSdeG.