Skip to main content
Cospeito

Maite Ferreiro pide unha reunión coa Xunta sobre o futuro da Torre de Caldaloba

Por 18 Agosto, 2022Sin comentarios

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro solicitou unha reunión co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, para abordar a situación xerada polo procedemento de expropiación iniciado polo Concello de Cospeito sobre a propiedade da Torre de Caldaloba, que se publicou este martes no Boletín Oficial da Provincia.

Maite Ferreiro explicou que “solicitamos esta xuntanza co conselleiro para coñecer cal é o posicionamento da Xunta de Galiza en relación coa Torre da Caldaloba e abordar vías de colaboración para a súa recuperación, protección e posta en valor de xeito integral” e incidiu “na necesidade de que ese proxecto inclúa os terreos que rodean a Torre, nos que se conservan os restos do entramado defensivo do antigo castelo, e que ademais resultan fundamentais para blindar a Torre fronte a actuacións futuras no espazo de protección”.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou o pasado 29 de xullo a adquisición dunha das parcelas nas que se ubica a Torre de Caldaloba: unhas dúas hectáreas de terreo nas que se ubica a metade da edificación -53 metros cadrados de planta e as fachadas noroeste e suroeste- e o sistema de fosos e contrafosos defensivos do perímetro da edificación.

A propiedade, que inclúe tamén un alxibe de 5 a 7 metros e profundidade e o acceso principal á Torre, está afectada polo procedemento expropiatorio iniciado polo Concello de Cospeito.