Skip to main content
Axenda CaducadaMeira

A Malla de Meira volve este domingo coa XXX edición

Por 22 Agosto, 2022Agosto 28th, 2022Sin comentarios

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto,  participou este luns diante da Casa do Concello de Meira na presentación da XXX Festa da Malla da localidade. A cita celebrarase no centro da vila o vindeiro domingo, 28 de agosto, e agarda reunir a numeroso público. No acto tamén participaron o alcalde, Antonio de Dios, o concelleiro de Cultura, Agustín Méndez, e o presidente da Asociación da Malla da localidade, Manuel Pardo, así como outros membros da organización.

García Porto destacou que a Malla de Meira, a máis antiga de Galicia da súa clase e declarada de Interese Turístico, “é unha festa popular porque, ano tras ano, gaña en relevancia e en participantes, e tamén polas súas raíces, porque está dedicada a dar a coñecer un dos traballos tradicionais do noso agro”. “O tempo da malla, como tantos traballos agrícolas, era unha ocasión para xuntar aos veciños e deu lugar á aparición de cancións e de bailes relacionadas co traballo”, engadiu.

Destacan no programa a actuación de Nove Ferreñas, o Trío Muralla, o Banda de Música de Meira, A Banda de Gaitas da Escola de Música de Mérica, a Banda de Acordeóns e o grupo folk Leña Cerde.

Ademais, haberá xogos para nenos e tamén a tradicional exposición de artesanía e maquinaria antiga.

Festas coma esta, subliñou a deputada, “son as que converten á provincia de Lugo nun dos destinos turísticos favoritos, non só para os galegos, senón para milleiros de visitantes do resto de España e do estranxeiro”.

Así mesmo, asegurou que a Deputación ten “un compromiso claro con todas as iniciativas culturais que contribúen a conservar o noso patrimonio. Cremos que promover a cultura e as tradicións é unha maneira de manter vivo o noso rural. A cultura é importante en si mesma, pero tamén axuda ao desenvolvemento do turismo, da gastronomía, do comercio e da hostalería, en definitiva, da economía local”.

A Festa da Malla é “un bo exemplo de que temos un rural cheo de xente emprendedora, con ideas e con gañas de levalas adiante”, afirmou Pilar García Porto, destacando neste sentido que a cita naceu no ano 1992 pola iniciativa dun grupo de veciños e veciñas, que logo deron lugar á formación da Asociación de Amigos da Malla, aos que felicitou a Deputada, xunto ao Concello, polo seu traballo.

A Praza de Meira acollerá o vindeiro domingo multitude de actividades que farán revivir aos asistentes unha malla particular. Ademais de traballar, terán paradas para degustar a comida tradicional e haberá música que amenice a xornada.

Inicios

A Feira da Malla de Meira naceu no ano 1992 co fin de manter viva esta tradición e que continúe enriquecendo ás novas xeracións. Dende entón e ata o día de hoxe, esta cita cultural e turística continúa a celebrarse reunindo a centos de visitantes ao longo de toda a xornada. A Asociación de Amigos da Malla de Meira organiza este evento co obxectivo de por en valor o oficio tradicional da malla.