Skip to main content
Muras

Comezan as obras da praza da Galeguidade de Muras

Por 12 Agosto, 2022Sin comentarios

Os traballos, que humanizarán o centro da localidade, son financiados integramente pola institución provincial a través dun convenio co Concello coa fin de crear un novo espazo de convivencia que lle dará un maior protagonismo aos peóns e reducirá a velocidade dos vehículos que transiten por esta zona.

A Deputación de Lugo vén de comezar as obras de humanización da praza da Galeguidade, en Muras, cun investimento de preto de 220.000€. Así o informa o presidente da Deputación, José Tomé Roca, quen subliña que se trata dunha importante actuación que é froito dun convenio de colaboración co Concello de Muras a través do que a institución provincial financia integramente as obras. 

As obras teñen un prazo de execución de 3 meses. Tomé Roca destaca que este proxecto busca “mellorar a vida da xente, neste caso logrando unha praza máis acolledora, máis accesible e máis bonita”. Concreta que “o rural da nosa provincia necesita actuacións coma esta para ter futuro, para ser atractivo para a poboación máis nova e cómodo para as persoas maiores”.

“As prazas, como a Praza da Galeguidade, son espazos físicos, pero tamén son espazos de convivencia e de memoria. Polo tanto, cando renovamos unha praza, non só melloramos a parte urbanística, senón que creamos comunidade e proxectos de futuro”.

O PROXECTO

O proxecto contempla un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo humanizar o centro de Muras, creando un novo espazo de convivencia que lle dará un maior protagonismo aos peóns e reducirá a velocidade dos vehículos que transiten por esta zona.

Vaise crear unha única plataforma de pedra e formigón que unirá as fachadas dos edificios coa Alameda da Praza da Galeguidade, coa intención de unificar estas dúas zonas, e pola que transitarán tanto os vehículos como os peóns. Eliminaranse os banzos actuais para mellorar en accesibilidade tanto para as persoas con mobilidade reducida como para os carros dos bebés. 

Ademais, esta obra servirá para renovar as subministracións públicas, como a rede de abastecemento de auga, de pluviais, de enerxía eléctrica e de telecomunicacións. Así mesmo, esta zona dotarase de novas luminarias e de mobiliario urbano que ofreza unha maior calidade e comodidade para a veciñanza.