Skip to main content
As Pontes

As obras de reforma integral do pavillón municipal das Pontes están na recta final

Por 23 Agosto, 2022Sin comentarios

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado por varios membros do equipo de goberno, visitou a semana pasada as obras de rehabilitación integral do polideportivo municipal e que permitirán mellorar unha infraestrutura deportiva de referencia na vila.

González Formoso apuntou que se trata “dunha actuación que ten como fin prioritario mellorar a eficiencia enerxética da instalación e que terá un impacto positivo sobre o municipio, tanto desde o punto de vista medioambiental como desde o punto de vista económico, promovendo un importante aforro enerxético”.

Entre os traballos xa finalizados atópase a substitución da cuberta existente por unha nova de panel sándwich así como a renovación dos seus peches que, xunto coa renovación do pavimento da pista con tarima flotante, de maior illamento,  e o revestimento da fachada con fachada ventilada, tarefas xa executadas, permitirán un aforro do 18% no consumo enerxético da instalación deportiva.

Co mesmo obxectivo, tamén foron executados diversos traballos encamiñados a mellorar o sistema de iluminación interior do polideportivo municipal coa renovación das lámpadas actuais por tecnoloxía LED, reducindo a potencia instalada, pasando de 28 a 12 kW, o que permitirá un aforro estimado do 20%.

Así mesmo reformáronse as instalacións de produción de enerxía aerotérmica para calefacción, auga quente sanitaria (ACS) e a refrixeración do edificio. Procedeuse ao cambio da caldeira eléctrica por unha bomba de calor, dúas unidades de tratamento de aire, un acumulador de inercia, para almacenar o calor procedente da bomba, doce sistemas de ventiloconvectores e a obra civil asociada. Estes traballos farán posible un aforro do 36% no consumo de calefacción, auga quente sanitaria e na refrixeración do edificio.

Estas actuacións tiveron un orzamento de 779.578 euros procedentes da achega do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE) para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

Agora, o Concello das Pontes, a través de fondo propios, traballa na mellora da rede de saneamento, co cambio de todo o sistema de tubaxes da instalación deportiva para a continuación proceder á substitución de todos os  sanitarios. A obra rematará co cambio do chan do ximnasio situado no soto do polideportivo e co pintado do interior da instalación deportiva. Finalizadas estas tarefas e, tras a limpeza da instalación, porase a disposición da veciñanza a maior brevidade posible.