Skip to main content
Rábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

Rábade abrirá unha rúa peonil xunto ao cine Man co apoio da Deputación

Por 20 Agosto, 2022Agosto 22nd, 2022Sin comentarios

O presidente asinou co alcalde un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta á entidade local os máis de 33.000€ necesarios para a adquisición dun solar situado detrás do antigo cine, o que permitirá crear unha nova vía pública para peóns entre as rúas Lope de Vega e Alcalde Ángel Penas, que contará cunha zona de xogos.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres co alcalde de Rábade, Francisco Fernández Montes, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta ao Concello os máis de 33.000€ que son necesarios para a adquisición dun solar situado na parte traseira do antigo Cine Man, o que permitirá crear unha nova vía pública para peóns entre as rúas Lope de Vega e Alcalde Ángel Penas, que contará cunha zona de xogos.

A Deputación colabora deste xeito “para dotar aos veciños e veciñas de Rábade dun novo espazo público e para seguir mellorando o entorno urbano e a mobilidade no concello”, subliñou o Presidente, que estivo acompañado no acto, celebrado no Salón de Plenos, pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

O solar que o Concello adquirirá grazas á aportación da institución provincial dá na parte frontal á rúa Lope de Vega e linda na parte posterior co edificio que albergou o antigo Cine Man, adquirido tamén pola entidade local no ano 2019.

“A firma deste convenio é importante por si mesma, porque vai supoñer a ampliación do equipamento público de Rábade, pero tamén é importante porque demostra claramente, por un lado, que na Deputación cumprimos cos compromisos, e, por outro, que a cooperación desta institución cos concellos da nosa provincia é constante e continua”, afirmou o presidente.

Nestes sentido, lembrou que hai só dous meses, a principios de xuño, durante a sinatura da cesión ao Concello da rúa Músico Crisanto despois de facer un investimento de 150.000€ para o seu acondicionamento, anunciou novos proxectos que se concretaría en breve. “E aquí estamos hoxe cumprindo coa palabra dada, como é a obriga dos responsables políticos, porque os veciños non necesitan, nin queren promesas baleiras. O que necesitan e o que queren os veciños son feitos concretos, como os que expoñemos aquí hoxe, porque son os que fan avanzar ós seus concellos”.

Novas obras en estradas

O mandatario provincial avanzou o próximo inicio de novas obras en Rábade. Trátase da rehabilitación do firme con aglomerado en quente da glorieta que dá acceso ao polígono e da rexeneración do firme da totalidade da estrada de Rábade a Vilar de Seo, en dirección Cospeito, tamén con aglomerado en quente. O orzamento para estas actuacións, que xa están adxudicadas á empresa Ovisa, é de practicamente 45.500€.

Todo isto, explicou José Tomé, “reforza o apoio que xa vimos dando dende a Deputación ó Concello de Rábade para que poida ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños e veciñas, e que se traduce nun investimento moi importante, que supera o 1,2M€, só no que vai deste mandato”.

O presidente avanzou que “nesta liña de diálogo e de cooperación seguiremos traballando, con Rábade e con todos e cada un dos 67 concellos da provincia de Lugo, sen mirar cores políticas, como lamentablemente fan outras Administracións, porque defendemos que o papel esencial da Deputación é precisamente ese, escoitar e apoiar aos concellos da provincia para que poidan mellorar a vida da xente”.

A Deputación con Rábade

Dentro desta liña de colaboración cos concellos, a Deputación de Lugo destinou no que vai de mandato máis de 1,2M€ a Rábade, no que se inclúen esta adquisición que hoxe se anuncia e os traballos na Rúa Músico Crisanto, cuxa titularidade foi cedida no mes de xuño ao Concello.

Así, neste ano 2022, a institución provincial inxecta máis de 195.000€ ao Concello a través do Plan Único para a mellora de infraestruturas, creación de emprego e actividades culturais. En concreto, destes fondos, o Concello dedica preto de 150.000€ á humanización da contorna da Praza Castelao, unha actuación importante para o día a día da veciñanza; 20.000€ para o funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF); 17.500€ para a creación de emprego; ou 9.000€ para a organización da cita cultural A Rabaca 2022.

Outras das actuacións importantes que se fixeron nos últimos meses grazas ao investimento da Deputación de Lugo foi a renovación completa da Rúa José Pardo Montenegro, cunha achega de 131.000€.