Skip to main content
Vilalba

Vilalba pon en marcha unha campaña para desestacionalizar o turismo

Por 2 Agosto, 2022Agosto 3rd, 2022Sin comentarios

Baixo o lema ‘O importante está no interior’, difundirase o novo material en feiras do sector, nas redes sociais e na web de turismo.

O Concello de Vilalba puxo en marcha unha nova campaña de turismo que, baixo o lema ‘O importante está no interior’, ten como obxectivo promocionar por diferentes medios e soportes os atractivos da vila para incrementar e desestacionalizar a chegada de visitantes á vila.

A campaña foi presentada pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; Antía Rama, concelleira de Feiras e Mercados, e Suevia Ansede, técnica de Turismo.

A partires da nova web de turismo posta en marcha o ano pasado, www.turismovilalba.es, o concello presenta esta nova campaña con diferente material, como vídeos, folletos informativos actualizados, novos e prácticos e planos do concello. Ademais, tamén se colocarán códigos Qr en edificios públicos e progresivamente noutro tipo de establecementos.

“O obxectivo é dar a coñecer o Concello de Vilalba en distintos espazos, tanto no escaparate dixital das redes sociais, como en feiras turísticas de todo tipo, actualizando os modelos anteriores co fin de atraer turismo durante todo o ano”, explica a alcaldesa, Elba Veleiro.

Os novos materiais, ademais de incluir información útil, poñen en valor o patrimonio natural, histórico e cultural de Vilalba e as súas 29 parroquias, con espazos como a contorna fluvial do Madalena e o tramo do Camiño de Santiago, ademais da gastronomía na zona. A campaña promociona tamén eventos e feiras como a do Capón ou a do Queixo San Simón da Costa, o FIV ou as festas patronais.

“Queremos convidar aos visitantes a coñecer Vilalba, a reconectar coas nosas orixes e costumes, descubrindo a cultura da Chaira e lembrando que ‘O importante está no interior’”; engade Antía Rama.

Despois de dous anos de limitacións e restricións pola pandemia, os datos de turismo recuperaron nos primeiros meses do ano o seu pulso habitual, cunha media de 1.300 persoas mensuais que pasaron pola Oficina de Turismo de Vilalba entre xaneiro e maio.

A web de turismo, cun formato moi accesible, irase actualizando cos materiais da nova campaña durante as próximas semanas.